Máis de 400 establecementos participarán na terceira campaña Vilalba en negro

O día 23 haberá unha manifestación e un espectáculo musical de rexeitamento á violencia de xénero

Presentación de Vilalba en Negro. S.IGLESIA
photo_camera Presentación de Vilalba en Negro. S.IGLESIA

A capital chairega tinguirase de negro por terceiro ano consecutivo dentro da campaña Vilalba en negro, xunto a outras 101 institucións, entre os días 19 e 25 deste mes. 

Na pasada edición participaron 432 establecementos comerciais, unha cifra moi superior aos 298 que se involucraron en 2016, “o que demostra a grande implicación do pobo e da xente de Vilalba”, afirmou o rexedor vilalbés, Agustín Baamonde, quen tamén recordou que “o primeiro ano, foi o municipio que máis participantes achegou a esta campaña, por encima doutros demograficamente superiores, como A Coruña ou Lugo”. Espérase que este ano o número aumente, debido á tendencia in crescendo que leva a iniciativa.

A partir do luns 19, os interesados do ámbito profesional poderán recoller o material no Centro de Información á Muller (CIM), na planta baixa do consistorio, mentres que o público en xeral tamén poderá adquirilo na casa da cultura. Ademais, aqueles profesionais que non participen anteriormente e desexen facelo por primeira vez e incluírse no mapa de locais participantes, deberán enviar un correo electrónico á dirección [email protected].

Ana Berta Pardo, directora do CIM, recalcou que “o primeiro ano participaban sobre todo comercios e hostalería, pero o ano pasado houbo máis implicación por parte doutros sectores, como bufetes de avogados, xestorías...”. Os organizadores incidiron na importancia de reciclar o material que os establecementos xa empregaron en anos anteriores, “aínda que se fai falta repoñer algún elemento, entregarase ata esgotar existencias”, explicaron.

Entre as actividades previstas, o acto central será a manifestación organizada para o venres 23 ás 12.00 horas na Praza da Constitución, que se trasladaría ao auditorio Carmen Estévez en caso de choiva ou tempo adverso, na que se lerá un manifesto. Flor Rey, concelleira de servizos sociais, instou a vestirse de negro “en sinal de loito polas vítimas da violencia de xénero”.

Ás 20.30 horas, tamén no auditorio, porase punto e final á xornada co espectáculo Actúa, expresa, rexeita, no que a Escola de Movemento, os alumnos do IES Basanta Silva e o alumnado do conservatorio interpretarán musicalmente o rexeitamento a esta violencia. As entradas pódense adquirir gratuitamente a través de Ticketea.

Comentarios