Máis de 3.000 persoas participarán o 15 na Xornada de Exaltación da Caza en Muimenta

A Federación Galega de Caza, en colaboración con Xuventudes pola Caza, o Tecor Terra Chá e o Concello de Cospeito, organiza en Muimenta o vindeiro domingo, día 15, a Xornada de Exaltación da Caza e o Mundo Rural, unha cita coa que prevé reunir entre 3.000 e 4.000 persoas no recinto feiral Manuel Vila.

O programa arrincará a partir das 10.30 horas e finalizará cunha comida de irmandade, na que xa están confirmadas 3.410 persoas.

A xornada incluirá un simulador de tiro virtual e exhibicións de diversas disciplinas deportivas de caza, con actividades de arco, de cetrería e de cans de parada, ademais de varias exposicións con diferentes casetas de empresas do sector relacionadas coa caza e cos produtos do rural galego.

Á parte, a xornada incluirá un acto central, que se focalizará nos discursos das distintas autoridades que estarán presentes. Xa está confirmada a asistencia da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez; a xefa territorial de Medio Rural en Lugo, Olga Iglesias; Xosé María Arias, da Deputación de Lugo, e os alcaldes de Cospeito, Armando Castosa, e de Portomarín, Juan Serrano, a maiores de toda a directiva da propia federación.

"Tratar dun acto co que pretendemos poñer en valor a caza e ou rural galego, amosando a unión e a fortaleza do noso colectivo ante os ataques que vimos recibindo os cazadores nos últimos tempos", di o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, á vez que resalta que esta macroxornada que se celebrará en Muimenta tamén ten como obxectivo "trasladar á sociedade galega que a caza, ademais de deporte, é unha ferramenta fundamental para a dinamización do rural, cada día máis esquecido".

O prazo para inscribirse na comida de confraternidade xa está pechado, pero a xente interesada en participar nos diferentes actos pode acceder libremente ao recinto feiral Manuel Vila de Muimenta.

Comentarios