"Lonxe vívese con máis medo, ir se lle pasa algo a algún dos teus é imposible"

O xermadés Óscar González e cinco lucenses máis afrontan o estado de alarma na Patagonia arxentina, onde traballan dende o mes de agosto para unha empresa vilalbesa do sector eólico
Óscar González, detrás da bandeira, xunto aos seus compañeiros. EP
photo_camera Óscar González, detrás da bandeira galega, xunto aos seus compañeiros. EP

"A nivel persoal aquí estamos tranquilos porque a cousa está máis controlada, pero tan lonxe vívese con máis medo porque se lle pasa algo a algún dos teus ir é imposible", di o xermadés Óscar González dende a Patagonia arxentina, a máis de 9.000 quilómetros de distancia en liña recta.

O vento fíxolle cruzar o Atlántico, como antes o levou por Francia, Italia, Alemaña, Chile ou Uruguay, e dende a outra beira do océano tocálle vivir esta pandemia. Xunto a el están outros cinco lucenses —Juanma Campello, de Terra Chá, e Antonio López, José Méndez, Alejandro Díaz e Daniel Yanes, da Mariña—, outro galego, dous extremeños, dous arxentinos e doce chilenos. Traballan na montaxe dun parque eólico na provincia de Chubut.

"Levo aquí dende agosto. Cada tres meses descansas e volves uns dez días para a casa. Fomos en outubro, paramos no Nadal e voltamos en xaneiro. Íame ir o 25 de marzo pero non puido ser, así que contamos estar aquí ata rematar a obra", di o xermadés, que traballa para a empresa vilalbesa Tecnorenova. Calcula que finalizarán os traballos nuns dous meses.

"Aquí estivemos parados. O 19 de marzo decretouse o estado de alarma pero o 7 de abril sacaron unha excepción para a construción no sector enerxético", explica. O parque eólico está nunha zona rural afastada pero eles viven en Comodoro Rivadavia, unha cidade duns 200.000 habitantes.

"Nesta provincia antes de que se decretase a corentena xa se tomaron medidas. Foi moito máis estrito. Controlaban as saídas e as entradas das cidades e pechouse a hostalería moi pronto e nos supermercados dende o principio atendían dende fóra e tiñan aforos limitados. Ver esas medidas dá máis seguridade", indica, ao tempo que explica que é o Goberno arxentino o que decreta o estado de alarma pero que as provincias teñen autonomía para facer máis restritivas as medidas. "Flexibilizar pasa polo Goberno", di, ao tempo que apunta que algo así tamén se podería facer en España.

O estado de alarma está estipulado ata este domingo, día 26. "Pecháronse os aeroportos e dende as 19.30 horas está prohibido saír á rúa e pecha todo, incluso os negocios de comida para levar", explica o xermadés, que indica que "aínda non concretaron nada, falan de prórroga flexibilizando por provincias en función dos casos que teña cada unha".

En Arxentina as cifras son moito máis baixas que en España. "A nivel nacional houbo 3.288 casos, 159 mortos e 919 curados. E na nosa provincia só dous casos confirmados e xa están recuperados, polo que di a prensa local", di.

"Por parte da empresa sempre houbo información e compromiso. Os voos están moi limitados e habería que coordinar coas embaixadas pero aquí todos decidimos quedar, estamos seguros", indica o xermadés, que explica que hai traballadores na India —"os que quixeron viñéronse e outros quedaron de forma voluntaria"— e en Sudáfrica.

Comentarios