IGREXA DE SAN VICENZO DOS VILARES

A loita por preservar 500 anos de historia

Unhas reformas neste templo guitiricense en 1991 sacaron á luz as pinturas murais do século XVI que se agochaban nas paredes, cubertas por unha capa de cal. O paso do tempo foi deteriorando esta xoia de estilo gótico hispanoflamenco, á que agora a Xunta destina fondos para a súa restauración
Muro norte, onde se representan a Imposición da Casula a San Ildefonso e a Lamentación sobre Cristo Morto. EP
photo_camera Muro norte, onde se representan a Imposición da Casula a San Ildefonso e a Lamentación sobre Cristo Morto. EP

Entrar na Lista Roja del Patrominio que promove a asociación Hispania Nostra -o seu labor vén de ser recoñecido en 2021 coa Medalla de Honor da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando- é unha dubidosa honra que a calquera ben patrimonial lle viría ben evitar. As pinturas murais do século XVI da igrexa de San Vicenzo, na parroquia guitiricense dos Vilares, foron incluídas o 8 de maio de 2019 neste particular toque de atención a quen corresponda.

"Desde que las pinturas fueron descubiertas, se han visto deterioradas progresivamente, hasta el punto de llegar a temer por su desaparición definitiva. Se busca sensibilizar a las diferentes instituciones para que tomen conciencia, antes de que el estado de los frescos no tenga solución", explican na web de Hispania Nostra, xustificando a súa incorporación entre o máis dun milleiro de referencias de patrimonio en perigo.

Os frescos, compostos por unha serie de cinco escenas e distribuídos nos dous laterais da nave principal da igrexa, saíron á luz en 1991, ao retirar o encalado que cubría as paredes -probablemente xa dende finais do século XVI, cando era unha medida hixiénica habitual para combater a peste-. Un ano despois, no número 8 de Estudios Mindonienses, o historiador Juan Manuel Monterroso Montero publicaba un artigo centrado no seu estudo.

Motivo ornamental xeométrico primitivo (esquerda) e elemento que non se puido identificar.
Motivo ornamental xeométrico primitivo. EP


Quedaron ao descuberto, a disposición de calquera que quixese velas, mais tamén expostas á acción do tempo, da humidade, dos impactos dos bancos... E tiveron que pasar tres décadas ata que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, logo dun convenio co Bispado de Mondoñedo-Ferrol asinado en decembro de 2021, consigne unha partida orzamentaria para a súa conservación, unha iniciativa que chega precedida de máis dun lustro de xestións e de chamadas de atención por parte da asociación Lareira de Soños.

Súa foi a iniciativa de pór de manifesto o mal estado de conservación coa inclusión na Lista Roja del Patrimonio, mais esta está lonxe de ser a única iniciativa levada a cabo dende a creación desta entidade, entre cuxos obxectivos fundacionais figuraba loitar pola consolidación das pinturas murais, así coma pola restauración da Casa de Díaz Castro e dos cobertizos da Feira do Sete e pola recuperación como centro social de dinamización veciñal da escola habaneira da Conchada, que cumprirá 100 anos en 2023.

Falaron coas distintas administracións para concienciar sobre a súa posible perda se non se interviña, acudiron ao Valedor do Pobo, participaron nun seminario da UDC en Ferrol, repartiron dípticos informativos, promoveron unha convocatoria poética, pedíronlle ao párroco que se destinasen os fondos recadados en celebracións coma a festa da Pascua... A necesidade de recuperar os frescos ata chegaba ao Parlamento da man do BNG, que presentaba unha iniciativa repaldada por todas as forzas, coa abstención do PSOE.

"Sabemos que hai moito patrimonio para recuperar, que non son os únicos que o necesitan, pero nós demos moito a lata e insistimos moito porque é algo que ten valor e que se debería conservar", din dende a entidade, lembrando que a petición remitida á Xunta e á que agora se lle dá unha resposta positiva ía acompañada dun anteproxecto da restauradora Uxía Aguiar e de Sonia Engroba, licenciada en Historia da Arte.

Motivo ornamental xeométrico primitivo (esquerda) e elemento que non se puido identificar.
Elemento que non se puido identificar. EP


Esta última asina o artigo Pinturas murais de San Vicenzo dos Vilares, incluído no Caderno de Estudos Chairegos 10, publicado polo Iescha no Nadal de 2020. Neste, Engroba fai un repaso das orixes da igrexa, que "presenta as características propias dun templo do rural galego". No tocante ás pinturas, lembra que se trata dunha obra de estilo gótico hispanoflamenco e "que posiblemente fosen executadas en diferentes momentos do século XVI", tanto polas dimensións como polas solucións técnicas aplicadas. Engroba fai referencia ao artigo de Monterroso para falar de dous grupos diferenciados.

AS PINTURAS. No lado do Evanxeo, no muro norte, represéntase a Imposición da Casula a San Ildefonso (na parte máis afastada do altar), no que podería ser o "único mural galego, coñecido ata o momento, que trata este tema". Nel recóllese a aparición San Ildefonso á Virxe. O santo está de xeonllos, en actitude de oración, flanqueado por dúas Virxes Mártires que portan unha palma, símbolo de martirio. A seguinte escena é a Lamentación sobre Cristo Morto o que, segundo escribía Monterroso e recupera Engroba, converte a igrexa vilarega "nun dos escasos exemplos onde nun mesmo ciclo pictórico se repesentantan estes dous temas".

Aínda que a autoría resulta difícil de precisar, Monterroso atribuía as escenas do lado do Evanxeo ao Mestre de Parga, que traballaba tamén nas da igrexa de Santo Estevo de Parga.

Nese mesmo lateral tamén hai, máis próximo ao cruceiro da nave, outros elementos "de moi difícil interpretación", dado o seu mal estado.

No lado da Epístola, figura, na parte inferior, un motivo ornamental xeométrico, que se cre que é a parte máis antiga dos frescos, xa que sería propio do século XV, polo que mesmo é problabe que "sexa o único resto que queda dunha capa de pintura primitiva". A teoría é que esa obra se substituíu por outra posterior no terceiro terzo do século XVI, que foi cando se incluíu unha escena de Santiago Cabaleiro, tan deteriorada que hoxe case non se aprecia. As diferencias creativas coas outras escenas levan a pensar nunha autoría diferente, relacionando este mural coas pinturas do Mestre de Nogueira.

"Non sabemos que se vai facer ou ata onde chegarán os fondos consignados, pero se polo menos se consegue que non se sigan deteriorando xa é importante", indican dende Lareira dos Soños sobre o proxecto autonómico que reserva un orzamento de 71.000 euros á intervención.

ACTUACIÓN. Esta inclúe "a limpeza da superficie para devolverlle ao conxunto mural a uniformidade perdida", ademais da "eliminación de cales e de elementos alleos á obra, así como a reintegración cromática", avanzan dende Cultura, precisando tamén que se colocará unha "iluminación ornamental que responda ás necesidades da propiedade con luminarias que sexan afins á conservación".

"O estado de conservación no que se atopan as pinturas, as lagoas, as faltas de materia e os restos de encalado que aínda cobren partes importantes das escenas fan necesaria a súa restauración", indican dende a Xunta, que ultima os trámites para licitar o proxecto, que ten un prazo de execución de seis meses e se prevé que se leve a cabo ao longo deste ano.

Comentarios