Loita colectiva na Chaira contra as raíñas invasoras

Varios concellos, co apoio de asociacións, empresas e os propios veciños, están a traballar para frear a proliferación da vespa velutina
Colocación dunha trampa nunha camelia, un dos emprazamentos máis aconsellados para atraer ás velutinas. SERRA DA CARBA
photo_camera Colocación dunha trampa nunha camelia, un dos emprazamentos máis aconsellados para atraer ás velutinas. SERRA DA CARBA

Cinco litros de agua, dous quilos de azucre e 50 gramos de levadura. Así de simple é a receita caseira para poder encher dez trampas contra a vespa velutina, que se poden fabricar reciclando botellas de agua de 1,5 litros.

E esa é a opción que escolleron no Concello de Ribeira de Piquín, onde o éxito da campaña municipal do ano pasado, onde as máis de 150 trampas repartidas por todo o concello lles permitiron capturar máis de 6.000 velutinas, os animou a repetir iniciativa nesta primavera, incrementado a 200 o número de dispositivos.

Na veciña Meira, o Concello tamén se acaba de sumar este ano ás campañas de trampeo, neste caso a través da firma Serpa de Viveiro, que realiza un estudo previo para identificar os puntos de entrada ou as zonas con máis presenza de niños para dispoñer as trampas. Repartiron 600 dispositivos, mentres que no Concello de Muras, que tamén se estrea no trampeo masivo confiando na mesma firma vivariense, son 1.200 as trampas colocadas, tratando ademais de protexer os apiarios.

O trampeo, unha medida doada e ao alcance de calquera, estase a probar coma un recurso útil para controlar a expansión

Aínda que se hai dúas entidades que apostan forte por estes sistemas para previr a proliferación desta especie invasora, esas son a Casa do Mel de Goente (As Pontes), que iniciaba os trampeos caseiros xa en 2012 e que nesta tempada distribúe case 500 dispositivos comerciais entre a xente que pide o plan apícola —a maiores a Xunta tamén lles mandou excedente—, e a asociación apícola Serra da Carba, que vai pola terceira campaña xunto ao Concello de Vilalba, na que se repartiron 800 trampas, tamén con atraente comprado.

"Os socios levamos seis ou sete anos trampeando, e agora co masivo, co que colaboran varias asociacións veciñais, nótase moito", din dende entidade vilalbesa, repasando as cifras. Se en 2018 se retiraban 450 niños, en 2019 foron pouco máis de 100 e en 2020 xa se baixou do cento. Pola contra, se no trampeo de hai dous anos caían 4.500 raíñas, no do ano pasado eran 7.000.

Camelias, rododendros ou calquera árbore froiteira son lugares idóneos para colocar as trampas, a unha altura de 1,5 metros, facéndolles un seguemento periódico. O fin é eliminar as raíñas, as que fan os niños, xa que de só un poden saír outras cen ou máis e sobre un tercio sobreviven.

Comentarios