Os lobos devoran nunha leira pechada de Abadín un cachorro de mastín

Este veciño de Fanoi xa sufriu ataques deste estilo en anteriores ocasións
La finca estaba cerrada con alambre. PIXABAY
photo_camera La finca estaba cerrada con alambre. PIXABAY

Un mastín de oito meses de idade foi devorado polos lobos na parroquia abadinesa de Fanoi, nunha leira que está pechada con arame e situada a apenas 500 metros das vivendas, no núcleo coñecido como Os Muíños.

Os feitos ocorreron na noite do mércores ao xoves. O can atacado estaba xunto a outro mastín, tamén cachorro, nunha leira con cabalos.

"Hoxe —por este xoves— pola mañá apareceunos un deles na casa, todo asustado. Non o dabamos sacado de aquí. E fomos ver que pasara e xa atopamos o outro, ao que só lle quedaba a cabeza. Comeuno todo", indicou o dono dos animais que sufriron o ataque, que deduce que este feito o protagonizaron polo menos dous ou tres lobos, polo estado no que quedou o can.

"Desde hai unhas semanas ven paseando dous ou tres lobos polas pistas da concentración parcelaria e por preto das casas, e ninguén fai nada", denuncia este veciño de Fanoi, que xa sufriu ataques deste estilo en anteriores ocasións.

"A nós o lobo xa nos matou poldros varios anos. Este ano xa van un par deles. E ultimamente nesta zona xa matou tres ou catro cans e deixou feridos uns poldros. A min non me gusta que se extinga o lobo, pero isto é algo fóra do normal", critica o gandeiro afectado.

O propietario dos animais atacados engade que están "fartos dos ataques do lobo" e que precisamente adquiriu estes dous mastines para tratar de porlles freo e defender ao seu gando. "Pero aos pobres pouco lles tocou defender", laméntase.