Un libro de xustiza para o poeta dos dez

O colectivo Egeria publica un estudo sobre a produción poética en galego do escritor de Castro de Rei
Francisco de Fientosa. EP
photo_camera Francisco de Fientosa. EP

"Este é un traballo de amigos en relación a Francisco, é un lío no que nos metemos, pero dá gusto facerlle xustiza a unha figura inxustamente esquecida, pola que en Castro de Rei hai unha devoción especial da que eu estou contaxiado", di o xornalista Xulio Xiz, do colectivo Egeria, para dar conta das razóns que levaron a todos os implicados no proxecto a darlle forma a unha obra única: "Imos coller niños novos... A poesía de Francisco de Fientosa (1912-1936) nos cinco idiomas ibéricos".

"Algo hai que facerlle, en Castro de Rei ou onde sexa", di Xiz que pensaban, e o feito de cumprírense 110 anos do nacemento de Francisco Vega Ceide, o 22 de maio de 1912 no barrio do Cordón (Santa Locaia), abondou para dar pé a un libro que recolle e analiza, da man do escritor e profesor Xosé Otero Canto, a escasa -son dez poemas, aínda que un deles divídese en sete partes- pero valiosa produción poética en galego de quen é coñecido como o Lorca galego, e que, igual que o escritor granadino, tivo un tráxico e prematuro final. Foi asasinado en 1936, no seu caso en Aravaca (Madrid), cando só contaba con 24 anos.

"Este é un libro que xorde porque Francisco de Fientosa é un home descoñecido na literatura chairega, na literatura valura, na española, e dá pena sendo un veciño noso, polo que hai que facer o que sexa para darlle o pulo que merece, porque é un gran poeta e un narrador incrible, admirable", apunta Otero Canto, natural da Ponte de Outeiro, lugar do que era o pai de Vega Ceide e co que o escritor estivo moi vencellado.

A obra chega co gallo dos 10 anos do seu nacemento no Cordón

"Sabiamos que tiña escrito en lingua castelá, con palabras e temática galega, pero faltaba falar dos poemas galegos, que son nove e un máis que descubriu Polín, que apareceu na casa de Leiras Pulpeiro, un poemiña precioso que fai o número dez", precisa o autor do libro, que define a Fientosa coma "un home encomiable", "vangardista e ao mesmo tempo tradicional", do que "Trapero Pardo dicía que era o novo Valle Inclán".

"Intentei facer unha radiografía xeral da súa poesía, resonancias literarias, un TAC de cada verso", detalla Otero Canto sobre unha análise que vai acompañada dun "debuxo á medida", como apunta Xulio Xiz, da profesora e artista vilalbesa María Guerrero.

"É un conxunto de debuxos precioso", destaca Xiz dun dos compoñentes esenciais dunha obra que conta tamén con sendos textos introdutorios do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, xa que ambas administracións colaboraron co Colectivo Egeria para facer posible que a publicación vise a luz.

"El meréceo, e hai que agradecerlle a xente coma Emilio Sinde, Xosé Manuel Carballo Ferreiro ou Ricardo Polín o labor de estudo e de recuperación que fixo", valorou o rexedor de Castro de Rei, que ratificou a disposición do Concello a apoiar no posible iniciativas encamiñadas "a poñer en valor a súa figura e a que a súa obra perdure no tempo".

Imos coller niños novos... ofrece ademais unha "dimensión inédita" da obra en galego de Francisco de Fientosa, apostando por traducir os poemas ao resto de idiomas da península Ibérica.

O propio Otero Canto, catedrático de Lengua e Literatura Española, fíxose cargo da tradución dos versos ao castelán, mentres que a investigadora, historiadora e escritora cospeitesa Ana Mar Fraga Rábade asumiu a responsabilide das versións en catalán e en portugués. A tradución ao vasco é obra de Aitor Fernández de Martikorena, profesor de éuscaro, tradutor, asesor didáctico e formador.

O primeiro verso do primeiro poema en galego de Francisco de Fientosa é o escollido como título

"Francisco de Fientosa ten moitos elementos que o fan atractivo e a súa poesía é fresca, nova, diferente", conclúe Xulio Xiz, unha aseveración na que profunda o profesor e investigador Ricardo Polín, grande experto na figura e na obra do escritor de Castro de Rei e autor do limiar.

Polín publicaba no ano 2000 as obras completas de Francisco de Fientosa. "Foi un traballo arduo", lembra o autor, que fixera un estudo bibliográfico e recompilara a súa obra poética e en prosa, cun capítulo final dedicado á produción en galego: "A obra en galego estaba dispersa, había cinco poemas rematados e outros cinco fragmentados", lembra.

"Foi un escritor en lingua española, pero o seu sustrato esencial, o vocabulario, a cultura e a sociedade galegas están moi presentes, mesmo o léxico e as variantes da Terra Chá", di Polín, que sitúa a Fientosa como "un dos referentes fundamentais da xeración do 36, é o que conecta a do 27 cos da guerra e da posguerra".

"Téñolle moita estima pola súa enorme calidade e por ser un avanzado ao seu tempo", destaca, ao tempo que fai uns cantos apuntamentos bibliográficos para dar conta da grandeza do personaxe: "Viviu circunstancias dificilísimas, era orfo de pai e de nai, e case toda a familia emigrou a Arxentina: el traballou como mestre en Asturias nos anos 30, chegou a dar clase nun hórreo, esforzouse para estudar e no 36 xa estaba licenciado", enumera, lembrando que era primo de Crecente Vega, para quen resultou "dramático" o acontecido, pois os dous se vían sorprendidos polo golpe de Estado en Madrid.

"É o gran mártir das letras chairegas", non dubida en afirmar Polín, que continúa a investigar ao redor desta "figura importantísima, esencial" da literatura, tratando de esclarecer as circunstancias que rodearon a súa alevosa morte. "Non se recuperou o cadáver, os datos conducen a que ten que estar enterrado no cemiterio do barrio madrileño de Aravaca e Carballo fixo xestións para intentar recuperalo, pero pasaron moitos anos e cada vez é máis complicado", lamenta o investigador.

"Era unha das promesas máis importantes, xa non só da literatura galega, senón no ámbito das letras hispánicas, un prodixio, aos seus 24 anos xa tiña dous poemarios editados en Nós, posuía unha vastísima cultura, chama a atención o seu nivel cultural e literario e as conexións que tiña no mundo das letras", vai debullando Polín, que lembra que a súa morte se asociou á represión franquista e iso levou a que se esquecese a súa obra.

Unha inxustiza que agora este libro, igual que outras iniciativas previas, e as que seguro que virán, trata de corrixir. Como escribía o propio Paquiño de Fientosa -os versos, atopados na casa de Leiras Pulpeiro, atribúenselle a el-: "Hoxe, amor, solo hoxe./Espiñas non, hoxe non./Espiñas xa teño abondas./Abondas e ben fondas./Quero amor, sólo amor, amor".

Presentación dobre o día 29
O mércores 29 é o día escollido para a presentación do libro, nunha dobre convocatoria que terá lugar primeiro na biblioteca pública municipal Crecente Vega de Castro de Rei, ás 17.00 horas, e despois na Nodal de Lugo ás 19.30. Os responsables da obra estarán acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado.

Comentarios