Un libro sobre o maltrato inaugura os actos da Asociación Feminista Vilalba

A entidade programa este sábado, día 17, a proxección dunha película, seguida dun coloquio e tamén organiza un contacontos, unha concentración e unha conferencia

Presentación del libro de Inés Fernández Lamela en Vilalba. M.MANCEBO
photo_camera Presentación do libro de Inés Fernández Lamela en Vilalba. M.MANCEBO

A Asociación Feminista Vilalba, en colaboración co Concello, programa un amplo calendario de actos ao longo do mes de novembro, todos de carácter gratuíto, en contra das violencias machistas e para conmemorar o 25 de novembro.

A programación estreouse o pasado venres na casa da cultura da capital chairega coa presentación do libro As miñas fillas devolvéronme a vida, que relata a experiencia de violencia de xénero vivida pola súa autora, Inés Fernández Lamela, quen estivo acompañada pola concelleira de igualdade de Lugo, Ana Abelleira, e a directora do CIM vilalbés, Ana Berta Pardo.

Inés Fernández Lamela presentou unha obra autobiográfica e destacou que a violencia de xénero é un problema social ao que debe prestárselle atención

Fernández Lamela, ademais de relatar a súa experiencia, agradeceu a existencia dun día sinalado para visibilizar os malos tratos, pero incidiu en que a violencia de xénero é un problema social ao que debe prestárselle atención todo o ano. Pediu tamén máis medidas de seguridade para as vítimas.

As propostas da Asociación Feminista Vilalba terán continuidade este sábado día 17 coa proxección da película De tu ventana a la mía, a cuxo termo se desenvolverá un debate. Será a partir das 20.15 horas na biblioteca municipal vilalbesa.

Os contos serán os protagonistas da terceira xornada de actividades. O sábado 24, ás 12.00 horas no centro terapéutico Mondo, os menores a partir de catro anos poderán escoitar o relato Vivan las uñas de colores. O número de prazas é limitado, polo que é necesario apuntarse chamando ao 982.51.19.25.

A Escola de Movemento de Vilalba realizará unha performance o día 25, nun acto no que se lerá un manifesto

Para o día 25 está convocada unha concentración na Praza da Constitución, ás 12.30 horas, na que se lerá un manifesto e a Escola de Movemento de Vilalba realizará unha performance.

Os actos clausuraranse o venres 30, ás 20.30 horas na casa da cultura, cun coloquio que leva por título Endometriose, unha doenza ignorada dás mulleres e que contará coa intervención de Lucía Reges, da Asociación Querendo, Mulleres con Endometriose. 

Comentarios