O legado indiano dos Bello Balsa

A memoria de Cuba segue moi presente en Santaballa. Unha das mellores probas é Casa Pizarra, vivenda de emigrantes á que os seus sucesores deron outra vida como aloxamento

A familia Guerra, case ao completo, fronte a Casa Pizarra. EP
photo_camera A familia Guerra, case ao completo, fronte a Casa Pizarra. EP

Os irmáns Dolores, María, Eduardo e Daniel Bello Balsa foron uns deses tantos rostros da emigración galega. Uns deses tantos "vou ir facer a vida a Cuba" que resoaron a comezos do século pasado en Santaballa e uns deses tantos que fixeron que A Habana ben puidera ser unha parroquia chairega máis. E a súa pegada, lonxe de esvaecerse, pervive hoxe grazas á casa indiana que eles construíron e que os seus sucesores decidiron abrir ao mundo.

"Casa Pizarra es especial. No podíamos dejar que se echara a perder y nos pareció una buena idea acercarla a la gente", conta Inma Guerra sobre a decisión que tomou o seu pai, Luis, de converter o inmoble nunha casa rural. Aínda que naceu en Compostela, o vínculo coa Terra Chá vénlle a Inma desde que era unha nena: "Venía todos los fines de semana a visitar a mi abuela paterna. Es un lugar que transmite paz, siempre digo que es perfecto para escribir una novela".

E é que Inma tivo a sorte de medrar no que ben podería ser o escenario dunha película. Construída no ano 1917 pola súa bisavoa Dolores Bello Balsa -e o seu marido Rosendo González, presidente da Sociedad Unión Villalbesa y su Comarca en 1937- xunto cos seus irmáns María, Eduardo e Daniel, serviría como residencia de verán destes galegos emigrados a Cuba primeiro e como retiro definitivo ao seu regreso a Santaballa xa polos anos cincuenta.

Caería nas mans de Luis con motivo dunha herdanza e deulle un novo aire, aínda que conservando o estilo colonial e habaneiro. "Su mobiliario, en su mayoría de caoba, es de origen cubano y fue traído en barco. Las reformas realizadas fueron mínimas", dice. E vaia se mantiveron a esencia.

Abonda con alzar a mirada cara os teitos altos, inspirados na arquitectura do barrio habaneiro de El Vedado para decatarse de que para chegar a Cuba, ás veces non fai falla nin saír da contorna. Seis habitacións dobles -con capacidade para unhas 12 persoas-, tres cuartos de baño, cociña con sala de estar e dous salóns máis con cheminea cada un completan as instalacións deste particular viaxe ao outro lado do charco.

E aínda que se pechen os ollos e non se poida escoitar o rumor das ondas do mar Caribe, ben é certo que a comarca chairega tamén ten os seus encantos. Nas proximidades da casa poden visitarse enclaves como a charca do Alligal e está a poucos quilómetros da Mariña ou a capital da provincia.

Remanso de paz

Polo momento, os visitantes que chegan para pasar uns días en Casa Pizarra fano desde todo tipo de procedencias, aínda que concentrados en zonas do sur como Sevilla ou Málaga e que buscan o frescor das terras galegas para "desconectar y relajarse". E o que atopan semella gustarlles porque, como indica Inma, "quien viene, suele repetir".

Aínda que estar á fronte dun negocio no que se involucra boa parte dunha familia -e un socio, Javier Conde- non parece tarefa sinxela, Inma destaca que "la gente nos transmite que han podido vivir una experiencia diferente. Eso nos resulta muy gratificante". E que Casa Pizarra sempre ten as portas abertas para os viaxeiros, así como Santaballa as tivo para os seus donos ao seu regreso. E agora tamén abertas ao mundo, pois acaban de lanzar a súa páxina web e tamén se pode reservar a través de Booking ou Escapada Rural.

Comentarios