martes. 31.03.2020 |
El tiempo
martes. 31.03.2020
El tiempo

Leandro Seixas: "A escultura é o meu medio preferido de expresión"

Leandro Seixas cunha das pezas na casa da cultura. S.IGLESIA
Leandro Seixas cunha das pezas na casa da cultura. S.IGLESIA
O escultor Leandro Seixas expón por primeira vez preto da súa terra natal, Pígara. Faino na casa da cultura de Vilalba, onde se mostran once pezas feitas en mármore que se poderán ver ata o día 15

Dende un obradoiro da Torre (Vilalba) espalla o seu bo facer na escultura ao mundo, de Nova Zelanda a Perú, pasando por Francia e Italia. Entre traballo e traballo, o guitiricense Leandro Seixas expón once das súas súas pezas na casa da cultura de Vilalba, a través dunha iniciativa do Iescha en colaboración co Concello. Poderanse ver ata o día 15. 

A mostra abriuse o 12 de decembro. Que balance fai deste tempo? 

Tivo moi boa aceptación e compráceme ver que o meu traballo chega ás veces á xente dun xeito que nin imaxinaba.

É a primeira vez que expón na súa terra. Séntese algo especial?

Séntese a satisfacción de presentar a miña obra á xente da casa.

O Iescha ten parte de culpa diso. Como de importante é o labor de entidades así?

Estou moi agradecido ao Iescha por organizarme esta mostra e pola paciencia que tiveron comigo, porque é un proxecto que se foi adiando por compromisos laborais meus. O labor deste colectivo é importantísimo, non só como referente cultural da Terra Chá, senón de toda a nación galega.

Na presentación da colección reinvidicou a identidade propia de Galicia. Canto hai diso na súa obra?

Seguramente a miña maneira de ser, de pensar e as miñas vivencias latexan na miña obra sen que eu sexa moi consciente. Ao fin e ao cabo, a escultura é o meu medio preferido de expresión.

"O privilexio de poder traballar lonxe dunha cidade é posible grazas a internet, dame unha gran liberdade para crear"

As súas obras percorren medio mundo. Imaxinaba, cando facía pezas con cera e madeira de pequeno, que isto ía ser así?

Isto era inimaxinable nun neno labrego galego dos anos 60. Ademais, a vida en xeral é unha viaxe ao descoñecido, por máis que se desenvolva nun leito rutinario que non nos deixa apreciar o valor de poder ir tecendo a vida cada día da maneira máis bela posible.

E segue elaborando arte dende A Torre. Que é o máis positivo diso? 

Este privilexio de poder traballar lonxe dunha cidade é posible grazas a internet. Permíteme dispor dun gran espazo que me dá unha enorme liberdade para crear. 

Empregou moita madeira, pero  parece que está quedando a un lado. Por que?

É un material dunha gran beleza, pero moi sensible aos cambios atmosféricos e fai que se comporte de xeito imprevisible. Useina moito e era moi acaída cando facía formas cun aspecto máis primitivo. 

Que materiais prefire agora?

Agora quédome con mármores de cores e metais. Son tan nobres coma a madeira pero responden mellor ao meu novo modo de expresarme, con formas máis esenciais e liñas máis depuradas.

Nunha entrevista en 2015 dicía que comezou facendo formas primitivas e mudou cara a formas máis xeométricas. Volveu cambiar?

O estilo vai evolucionando á marxe da túa vontade. Empecei facendo figurativo pola miña formación académica, despois pasei a formas que lembraban o mundo rural, máis adiante convertéronse en formas xeométricas e, estas que presento en Vilalba, recorren máis ás curvas e aos xogos de contrastes entre rectas, cores e texturas.

Cando traballa para outros países, como Turquía, México ou Nova Zelanda, adáptase aos seus gustos?

Neses casos presentas un proxecto que ten que responder a unhas condicións determinadas de materiais, medidas... E debes adaptarte ao que che piden, aínda que ás veces atopas sorpresas. Lembro unha vez que preparei unha maqueta para facer unha escultura en Francia e, estando alí, a pedra tiña unhas dimensións que me obrigaron a improvisar outra completamente distinta. Ao final gustoulles máis que a inicial.

"A experiencia no simposio en Corea foi enriquecedora e distinta. Ata me fixeron cidadán de honra da cidade!"

Un anhelo que tiña era o de traballar máis para Oriente e anos despois foi elixido para un simposio en Corea do Sur. Que aprendeu alá?

Quedo coa gran sensibilidade, entusiasmo e apoio que amosan cara á arte. A organización do evento foi espectacular e foi unha experiencia moi enriquecedora e distinta. Ata me fixeron cidadán de honra da cidade! Encantáronme as formas de respecto ao relacionarse e ese coidado cara á natureza, presente nas culturas tradicionais de Oriente que a globalización económica está difuminando. Foi interesante tamén a gastronomía e a cerámica.

Con vostede cúmprese iso de que un non é profeta na súa terra?

A miña misión non é ser profeta, senón facer o meu traballo da mellor maneira posible. Gustaríame ter máis esculturas en Galiza, pero non depende de min.

Segue sendo necesario compaxinar a escultura con outras artes?

Iso depende do tipo de traballo escultórico que fagas. Se fas o que demanda o público, con ser difícil, é máis doado que cun camiño máis persoal. O importante é que as actividades complementarias estean relacionadas coa túa profesión para non te desviares moito do camiño principal.

Que é o que máis aprecia o comprador de escultura? 

Hai moitos tipos de comprador, o que merca por investir independentemente da peza e o que merca porque conecta emocionalmente cunha peza en particular.

En que está traballando?

Estou cun proxecto para Turquía e hai uns días recibín unha invitación para participar nun concurso en Taiwan ao que quero presentarme.

"Todas as esculturas son fillas miñas, pero quero máis a aquela que está no proceso de nacer"
Ao chegar á Escuela Superior de Bellas Artes de Sevilla comezou a gañar premios. Coa arte nácese?
Un nace cunha predisposición máis ou menos forte para a arte e con máis ou menos talento. A partir de aí hai que formarse e traballar moito.
Dos materiais que emprega, cal é o máis fácil de manipular? 
A plastilina dos bosquexos.
E o máis complicado?
O metal.
Cal é o tempo máximo que dedicou á elaboración dunha obra?
Poden pasar dende días ata anos.
Unha escultura pode dicir algo diferente segundo quen a mire?
Esa é a riqueza dunha obra.
Na súa casa hai obras súas?
Si, e son estímulos para novas creacións.
Que é o que máis aprecia o escultor cando lle encargan unha peza?
Lograr a satisfacción do cliente.
Quérelles a todas obras igual?
Todas son fillas miñas pero quero máis a aquela que está no proceso de nacer.
O recuncho favorito de Pígara?
Un que desapareceu coa A-8.
E da Torre?
A capela de San Nicolau.
Con que son se queda?
Co ruxir da auga nos caneiros, nos regatos ou nas fervenzas.
Con que desconecta?
Coa xardinaría e na horta.
Se non fora escultor, que sería?
Músico.

Leandro Seixas: "A escultura é o meu medio preferido de expresión"
Comentarios