Lara Lozano: "Os nenos de hoxe van determinar a forma de actuar da sociedade turkana do futuro"

A xornalista de Cospeito viaxa este mércores 28 cara a Turkana, en Kenia, onde vai colaborar na construción dun centro de educación infantil para 30 nenos. A ONG Amor sin Barreras acaba de conseguir, a través de doazóns, os 60.000 euros necesarios para comezar as obras da gardería e segue buscando financiamento para a súa xestión durante os tres primeiros anos.
imgData
photo_camera Lara Lozano, coa camiseta da ONG Amor sin Barreras. EP

Rumbo a Turkana, cara alí se dirixe Lara Lozano, unha moza de 29 anos de Cospeito. É xornalista e actualmente está traballando no programa Land Rober da Televisión de Galicia, mais dende fai uns meses comezou a colaborar coa ONG Amor sin Barreras coa que agora viaxará ata Kenia, onde construirán un centro de educación infantil. 

En que momento se vincula coa ONG? 

Todo comezou a raíz da corentena, algo bo tiña que traer o covid, coñezo un rapaz de Outeiro de Rei, Alberto Ferreiro, que é o mentor da ONG Amor sin Barreras. Foi el o que me dixo que precisaban alguén que lles xestionase as redes sociais, a cartelería, a web... Púxome en contacto con Ana Baz, a fundadora, e namoroume a súa maneira de traballar e e levar a cabo o proxecto. 

Como comezou Amor sin Barreras? 

Amor sin Barreras nace dunha viaxe como voluntaria de Ana Baz. Ana, que é de Álava, foi a Nairobi para colaborar cun orfanato e esa viaxe marcou un cambio no seu día a día. Viuse na necesidade de axudar, primeiro coa colaboración da súa familia e amigos, logo chegaron doazóns de máis particulares e como a axuda seguía aumentando creou a asociación. Naquelas viaxes fixo un estudo do que valía cada alimento e enviaba os importes exactos para os pequenos do orfanato, a cambio enviábanlle imaxes dos pequenos comendo e, o máis importante, os tickets de canto se compraba con esas partidas.

Canta xente compón a ONG e cales son as súas funcións? 

Somos un equipo de seis persoas. De Lugo, o mentor, Alberto Ferreiro, de Reimpulse Mentoring, e máis eu, que axudo en tema de redes, deseño, comunicación... Logo está Ana Baz, a fundadora, e o resto do equipo é do País Vasco. En terreo está Charlie, un rapaz kenyano que é quen coordina os proxectos dende alí. Non temos funcións moi ríxidas porque somos un equipo unido que entendemos a cooperación como algo recíproco, dende o compartir. Cando alguén necesita algo, miramos quen pode botar unha man.

Somos un equipo de seis persoas de Lugo e do País Vasco, ademais sobre o terreo temos a axuda dun rapaz de Kenia

A iniciativa coa que andades entre mans agora mesmo é a creación dun centro de educación infantil. En que consiste exactamente o proxecto? 

É o maior reto de Amor sin Barreras porque é o primeiro proxecto propio. A creación, construción e xestión dun centro educativo infantil en Lokitaung, en Turkana. Un lugar onde sobrevivir é un reto: non hai auga, para chegar a ela as mulleres andan quilómetros e quilómetros, temperaturas elevadas, a terra é imposible de cultivar polo que pasan días e días sen comer, viven en manyattas, son nómades… Dende que deixemos o último avión en Lodwar, avioneta máis ben, estaremos tres horas nun todoterreo polo deserto ata chegar, imaxínate onde está Lokitaung... 

Como vai ser ese centro? 

O centro vai ser un oasis no que 30 pequenos terán acceso a educación, alimentación e atención  sanitaria. É algo máis ambicioso que unha simple gardería, entendemos que eses nenos van ser a sociedade turkana do futuro, por iso é tan importante darlles as ferramentas para o coñecemento, para que poidan tomar decisións libremente. Xa o dicía Nelson Mandela, que a educación é a mellor arma para cambiar o mundo. Os nenos de hoxe van determinar a forma de actuar da sociedade do futuro. 

Por que van viaxar agora a Kenia? 

Imos a terreo para o inicio da construción do centro: falar cos encargados de levantar o edificio, determinar como se vai pagar ás persoas que están a traballar, cales serán os prazos para cada paso da construción, porque en xaneiro de 2022 o centro xa estará en funcionamento. Tamén imos xestionar todo coa ONG Aztívate, que xa ten en marcha xusto ao lado unha clínica pediátrica e é colaboradora neste proxecto, fan un labor inmenso. Visitaremos tamén os poboados en Lokitaung coa asistenta social da clínica, Rose, que é quen coñece ao detalle cada historia e necesidades das familias dos pequenos que irán ao centro. 

O centro vai ser un oasis no que 30 pequenos terán acceso a educación, alimentación e atención sanitaria

Como conseguiron o financiamento? 

Non foi doado. Para a construción conseguiuse a través de donativos de particulares, especialmente de familias de Ikastola Olabide, unha escola do País Vasco que se uniu ao proxecto, e de empresas. Un total de 60.000 euros. Agora estamos na procura de Los 100 de Turkana para cubrir a xestión do centro durante mínimo tres anos. É un programa no que poden entrar autónomos e empresas de calquera parte do mundo. A colaboración consiste nunha única doazón de 1.000 euros e na participación activa no proxecto, podendo incluso viaxar a terreo. Actualmente hai 48 empresas de diferentes puntos de España, unha delas de Lugo, Kastel Ingeniería. 

Como pode colaborar a xente coa súa organización? 

Calquera que se queira unir pode chamarnos ao 640.03.49.55 ou en [email protected]. E tamén poden seguir colaborando particulares con doazóns por Bizum ao 03334 ou na conta ES78 0081 4293 91 0001112019. En www.amorsinbarreras.com tamén se poden facer socios co importe que queira cada persoa.

"Gústame a fonte do Moucho en Vilarente, tráeme moi bos recordos da miña infancia"

Cal é o seu libro favorito? 
Sempre estiven un pouco conectada con África, o meu libro favorito é Ébano, de Kapuscinski, que é unha crónica de cousas que lle pasaron a el África.

E a súa película? 
Intocable, é moi mítica pero gústame moito. 

Cal é o recuncho da Terra Chá que máis lle gusta?
A fonte do Moucho en Vilarente, de alí son meus avós e tráeme moi bos recordos da miña infancia e das miñas fins de semana alí. 

E de fóra da Chaira?
O Caneiro do Piago, en Outeiro de Rei, sen dúbida.

Ten algunha afección?
A fotografía e tamén diría que me gusta moito escoitar á xente, aínda que non sei se iso é unha afección.

Por que lle gusta?
Creo que sempre se aprende escoitando aos demais, máis que falando un, penso que todo o mundo ten algo que aportar.

Hai algo que lle guste e que a xente lle resulte raro?
Dinme que son moi de refráns, que sempre teño un refrán na boca a pesar de ter 29 anos, son moi avoa nese sentido.

E algo que destaque de vostede?
O acento, teño moito acento galego, sobre todo cando falo en castelán. Sempre me din, cando falo con alguén de fóra, que é moi fácil de recoñecer de onde son.

Comentarios