O lago das Pontes terá baños, duchas e un kiosko-bar

A xunta de goberno local iniciou o procedemento de contratación para colocar módulos prefabricados

Lago de As Pontes. EP
photo_camera Lago das Pontes. EP

O Concello das Pontes aumentará os servizos nas inmediacións do lago coa colocación de catro módulos prefabricados, dous albergarán baños e duchas e outros dous un kiosko-bar e unha zona de biblioteca de acceso libre. Cada un terá 14,75 metros cadrados de superficie.

A xunta de goberno local acordou este martes iniciar o procedemento de contratación da suministración e a instalación dos catro módulos, cun orzamento base de licitación de 139.928 euros con cargo ao POS da Deputación.

"Tratamos de ofrecer un maior servizo á veciñanza, acorde coas súas necesidades, substituíndo os baños químicos por unha instalación permanente, sostible, resistente, durable e acorde coa contorna", expresou a tenente de alcalde, Montserrat García, que destacou que o Concello "sacará a concurso público" a xestión do kiosko-bar, á vez que subliñou que na zona de biblioteca os usuarios terán acceso á lectura de libros, prensa e revistas.

Na mesma xunta de goberno, ademais, aprobouse outro expediente de licitación para a instalación doutro módulo prefabricado en Pontoibo, que servirá como local social aos veciños. Este terá unha superficie de 130 metros cadrados e conta cun orzamento total de 112.386 euros.

"É unha vella demanda dos veciños da parroquia. O módulo instalarase nos terreos adquiridos polo Concello das Pontes para o esparexemento dos veciños e para outros usos públicos que propoña a asociación veciñal", indicou Montserrat García, que explicou que o módulo será de madeira, acorde coa estética da zona, e albergará aseos públicos, un almacén e un espazo cuberto multiusos.

Na xunta de goberno local, ademais, adxudicáronse moitas outras obras xa anunciadas que se acometerán tanto no centro urbano como nas parroquias, como a segunda fase da mellora de accesibilidade na Avenida Castelao, a reforma da Rúa Narón, a quinta fase do Poboado da Fraga e obras de mellora en viarias de Pedrafita, Somede, O Freixo, Santa María das Pontes ou Marraxón de Arriba.

Comentarios