Lactalis pagará unha gratificación ós seus 300 traballadores de Vilalba e Nadela

A empresa agradece "o compromiso e a entrega" cunha prima de ata 500 euros
AppleMark
photo_camera Planta de Lactalis de Nadela. ARQUIVO

O grupo Lactalis fixo onte público o seu propósito de gratificar cunha «prima especial de ata 500 euros» aos aproximadamente 1.800 traballadores que ten en persoal en toda España, unha medida da que tamén se beneficiarán os ao redor de 300 empregados da firma láctea que manteñen a actividade nas plantas de Vilalba e de Nadela.

A multinacional quere así recoñecer «o compromiso e a entrega» de todas as persoas "que están a acudir a diario aos seus postos de traballo e que están a ser clave para que as fábricas continúen funcionando a gran ritmo". Desde o grupo Lactalis incídese ademais na importancia que neste momento ten o seu labor, xa que cumpren "coa misión de continuar provendo alimentos de primeira necesidade á sociedade nesta situación excepcional".

"Nos últimos días non nos cansamos de destacar o voso gran sentido da responsabilidade e a importancia do voso traballo para poder cumprir coa misión que nos encomendaron", detalla o comunicado da dirección xeral da empresa, que incide nas circunstancias extraordinarias xeradas pola propagación do Covid-19.

A medida beneficia a nivel nacional a 1.800 empregados de oito fábricas e un centro de distribución 

"No Grupo Lactalis queremos agradecer a entrega daqueles colaboradores das nosas oito fábricas e do centro de distribución que, durante o estado de alarma, estades a acudir a traballar a diario aos vosos centros de traballo», detállase tamén desde a dirección xeral da firma láctea, que ademais transmite unha mensaxe de confianza a todos os seus empregados polo «compromiso que demostrades día tras día".

"Tede a certeza que o valoramos e que a nosa máxima prioridade é protexer a vosa saúde. Para iso, seguimos reforzando as medidas de hixiene e seguridade" indican tamén en Lactalis.

DONACIÓN. Lactalis tamén quixo colaborar a nivel local con Cáritas de Vilalba, á que entregou un total de 5.000 litros de leite para distribuír entre as familias máis necesitadas. A repartición iniciábase o mércores en María Mediadora e continuará os próximos mércores, de 11.30 a 13.00 horas, ata que se esgoten as existencias. Desde Cáritas recórdase que neste momento os donativos son fundamentais.

Comentarios