Carreira: "Seguro que ía aparecer alguén, pero non se podía demorar máis"

Optou por presentar a súa candidatura á presidencia do Rácing Vilalbés ante a falta de relevo e para asegurar unha boa planificación para a vindeira tempada. Namorado do fútbol base, afronta o novo cargo coa ilusión de facer novas cousas e mellorar no que se poida un club case centenario
Juan José Vázquez Carreira, no estadio Roca. M.R.
photo_camera Juan José Vázquez Carreira, no estadio Roca. M.R.

O pasado 1 de xullo Juan José Vázquez Carreira recolleu o testigo de Francisco Ruiz e pasou a ocupar oficialmente o cargo de presidente do Rácing Vilalbés, un nomeamento que chega despois de semanas de interteza no entorno do clube ao non atopar substituto, pero con toda a ilusión e amor polas cores dunha persoa que leva ao redor de medio século vinculada á entidade.

O anterior presidente anunciou a súa dimisión e iniciou os trámites para buscar relevo en febreiro e vostede presentou a súa candidatura a finais de maio. Que o levou a facelo?

Se collín as rendas foi porque xa estaba na última directiva. O resto de membros teñen nenos no club e dáballes pena que rematara todo e falamos de seguir e que había que nomear un presidente. Agora estou xubilado, teño tempo e non me importaba, así que dixeron que fora eu. Pero repartimos o traballo ben, cada un vai levar a súa parceliña. Eu máis ben serei un coordinador.

Xa foi xogador, estivo en varias directivas... Viuse algunha vez como presidente?

Fun secretario, vicepresidente... pero nin se me pasara pola cabeza. Tampouco creo que sexa un cargo tan importante, ao final o que conta é que sexa capaz de reunir un bo grupo de traballo e que sexa eficiente.

E o seu está formado por...

Polos que xa estaban, pero cambian un pouco os postos. José Otero será o secretario, Fernando Cillero, o tesoureiro; Carlos Vázquez ‘Charly’ fará as tarefas comerciais e de socios e Pablo Vivero as de director deportivo. Ademais, contaremos cos colaboradores de sempre e Ruiz tamén axudará este ano porque hai moitas cousas nas xestións administrativas das que non estamos ao tanto.

"Fun secretario e vicepresidente, pero presidente nin o pensara. O que conta é reunir un bo grupo de traballo"

Cambiaron moito as cousas respecto ás súas anteriores etapas como directivo do Vilalbés?

Totalmente, como da noite ao día. Cando empecei só había dous equipos, o xuvenil e o de afeccionados, e foi cando se comezou co fútbol base. Organizamos unhas xornadas para buscar rapaces de toda a comarca e claro, despois para que adestraran, había que transportalos. Aquel primeiro ano gastamos dous millóns de pesetas en transporte, recórdoo ben. Agora todo iso cambiou. Daquela eran só dous equipos e eramos catro ou cinco cunhas poucas tarefas. Non é o mesmo levar un equipo que quince. E a nivel administrativo, agora hai unhas cousas que daquela non existían.

Como ve que nas últimas ocasións que houbo que buscar novo presidente tardase tanto en aparecer o relevo?

Eso leva anos pasando, pero sabía que o Rácing Vilalbés non ía desaparecer. Estaba seguro ao 100% de que ía aparecer alguén, pero vivido o vivido pensei que era algo que non se podía demorar máis. A primeira vez que estiven nunha directiva tampouco aparecía ninguén e entramos en xullo. Era moi tarde, xa estaban case todos os xogadores fichados noutros equipos. Houbo que ir buscar sete ou oito xogadores a Ares, de onde tamén veu o adestrador. Estabamos en Preferente e, en decembro, houbo que destituír ao adestrador e a varios xogadores, polo que houbo que volver a fichar e gastar cartos. Foi unha tempada moi complicada, case descendemos, gastouse moito para conseguir sacar o equipo adiante. Por iso tiven a decisión de presentar a candidatura neste punto, en maio, porque aínda que había tempo ata mediados de xullo para inscribir ao equipo non se podía esperar máis. Había que empezar a organizar a próxima campaña. E tamén pola pena que che pode dar que un equipo como o Rácing Vilalbés, con 90 anos de historia, desapareza.

Ese é un pensamento xeralizado, pero á hora da verdade parece que hai pouco interese no club. Cree que pode revertirse esta situación?

Véxoo moi complicado, porque nos últimos anos a sociedade mellorou e evolucionou moitísimo en todo, pero no tema social e do compromiso non. Este problema vai seguir persistindo pero teño clarísimo que o Rácing non vai desaparecer nunca. Que igual, chegado o momento, quedaría reducido só ao primeiro equipo porque alguén o colle o último día? Pode ser.

"Dáme rabia que as administracións non se dean conta do que lle supón a un club poder ter categorías inferiores"

Sería unha mágoa para a canteira do club...

Sí, eu son un namorado do fútbol base, encántame, pero hai que ser conscientes de que sen recursos é difícil mantelo. E dame moita rabia que as institucións e administracións non se dean conta do que lle supón de gasto a un club as categorías inferiores, cando se fai un labor social tan grande con elas.

Cal é a súa previsión para os equipos de base na súa etapa?

Imos tratar de manter todas as categorías. Igual hai que facer algún cambio nalgunha, pero queremos seguir con todos os equipos. Entendemos as categorías inferiores como fútbol formativo e de ámbito social. O deportivo comeza máis ben a partir de cadete ou incluso xuvenil. Queremos que os nenos o pasen ben, que se divirtan e se formen. Se hai varios equipos por categoría, non separalos por nivel, senón que se mesturen os bos e os menos bos. De que nos vale ter un equipo A que queda primeiro na Liga se o B non gaña ningún partido e encaixa grandes goleadas? Que van os rapaces xa desanimados desde a casa... O que importa non son os resultados, senón que todos os nenos vaian convocados aos partidos e xoguen e vaian coa concepción de que poden gañar calquera encontro aínda que despois se quede polo medio da táboa.

Aínda que acaba de chegar ao cargo, a planificación da vindeira tempada xa comezou.

Iso foi cousa de todos, incluido Ruiz, que aínda seguía uns días no cargo. Estamos traballando na campaña de socios e de publicidade para conseguir máis recursos e chegar ata onde poidamos. O que teño claro é que non quero que cando me vaia o Rácing Vilalbés teña un céntimo de débeda nin xente sen cobrar. Niso, o Rácing foi moi serio sempre. Aquí igual se promete menos que noutros lados, pero o prometido cúmprese.

Xa se anunciaron fichaxes, pero polo de agora destacan as renovacións. Aposta por seguir unha liña continuista?

Sí, aínda que do tema deportivo se encarga Pablo Vivero. Temos moita sorte con el, tanto polos seus coñecementos, que sabe que necesitamos, como polo seu valor como persoa. El sabe que precisa o equipo e ten total liberdade. A única indicación que lle din foi que os que veñan sexan, sobre todo, persoas. E despois se son bos xogadores, pois mellor. Pero si é unha liña continuista, pero tamén con ilusión de facer certas cousas e de mellorar o que se poida.

"Gustarianos ter un equipo filial e un feminino, pero falta recursos económicos e de instalacións"

Como cales?

A nivel social, tratar de que a vila se implique máis, facendo máis actividades sociais. A ver se conseguimos un convenio co Centro Cultural e Recreativo e facer alí cousas. E no tema deportivo, imos facer o equipo para a Liga Genuine, que xa é un proxecto anterior que non se puido levar a cabo por cuestións sanitarias. É un reto bonito, porque só hai tres equipos en Galicia, e todos de clubs profesionais. Despois, se tiveramos cartos, gustarianos ter un equipo filial, para darlles unha saída e máis rodaxe aos rapaces que acaban en xuvenil, e incluso un feminino.

É un gran salto a nivel estrutural, non?

Aquí o hándicap, ademais dos cartos, é tamén o tema das instalacións. Porque o campo de herba artificial da Magdalena é moi pequeno e non vale para determinadas competicións e o estadio Roca para soportar tantos partidos debería cambiarse a céspede artificial, e incluso facer uns vestiarios a maiores, pero ao ser un club privado non tes subvencións. E estes proxectos supoñen unhas inversións moi grandes que, sen axuda, son inasumibles para nós.

Comentarios