José Ónega: "As instalacións dan traballo a 370 persoas, a metade mulleres"

O director de produción do matadoiro de pitos do Grupo Sada de Castro prexubílase este martes 17 despois de 39 anos traballando nesta planta, da que resalta que un 90% dos empregados son veciños dos municipios da contorna
José Ónega. J.A.D.
photo_camera José Ónega. J.A.D.

Desde que ingresou en 1983 como auxiliar de proceso, José Ónega percorreu distintos postos  do cadro de persoal do matadoiro de pitos de Castro. Máis tarde foi xefe de expedicións de camións e da sala de despezamento ata que, dende 1999 ata agora, ocupou o cargo de director de produción.

Como evolucionou a fábrica ao  longo deste período?

Nos anos 80 o matadoiro era propiedade de Saprogal e despois de Conagra ata a fusión co Grupo Sada, que a principios dos 90 se fixo co cen por cento do capital. Nestas catro décadas houbo unha evolución tecnolóxica impresionante. Nos primeiros anos sacrificábanse os animais e había unha porcentaxe insignificante de despezamento, labor do que se encargaba un pequeno grupo de empregados polas tardes. A embalaxe facíase en caixas pequenas de cartón. As bandexas comezaron a usarse nos 90, cando se implantaron Alcampo en Ferrol e Carrefour en Lugo. A chegada das grandes superficies coincidiu coa potenciación de todo o proceso, pero de xeito especial do despezamento, que primeiro se fixo a granel en bandexas grandes e despois con bandexas pequenas e etiquetadas. Antes facíanse entre 1.000 e 2.000 ao día, unha cantidade que agora sae en poucos minutos.

Pode dicirse que pasaron do traballo manual ao mecanizado?

Antes o eviscerado era manual e tamén o fileteado, que máis adiante se facía nunha liña de conos. Agora a máquina de despezamento faino todo. O labor dos traballadores consiste en clasificar e colocar en bandexas e etiquetalas. A granel véndese pouco, só para distribuidores, pero non para grandes áreas.

Noutras fábricas do grupo só sacrifican pito branco. Aquí matamos branco, amarelo e o Cuk de crecemento lento

Cantas aves sacrifican ao día? Notaron a crise como sucede no caso dos gandeiros de carne?

Matamos entre 70.000 e 80.000 exemplares diarios. O consumo non aumentou. Coa crise cambiaron os hábitos de consumo e aumentou a venda do polo enteiro, que antes da pandemia tiña unha porcentaxe baixa de venda en comparación co despezamento. Telo que despezar na casa, pero resulta máis económico.

O Grupo Sada ten matadoiros en varios puntos de España. Que áreas se abastecen desde Castro?

Atendemos Galicia, Asturias e parte de Castela e León, pero somos o único matadoiro do grupo que sacrifica o pito certificado Cuk, que se distribúe por toda España. É un exemplar de crecemento lento, un pouco máis caro, pero que gaña mercado pola calidade da súa carne. Outra das diferenzas desta planta respecto doutras do grupo é que nas demais só sacrifican pito branco e aquí matamos branco, amarelo e Cuk. Dentro do amarelo, está o que leva a etiqueta Galicia Calidade. Esta variedade de produto obriga a un maior esforzo de clasificación, organización de lotes e loxística do transporte.

As normativas de benestar animal e do proceso de preparación tamén son máis esixentes que antes.

Cando comecei a traballar non había nin certificacións de calidade nin de benestar animal. Agora somos moi esixentes e coidadosos nestes ámbitos. No tocante ao benestar animal, esta fin de semana cambiamos o sistema de sacrificio, que era de atordamento eléctrico, para utilizar gas, que é o método do futuro. O sistema de recollida dos animais nas granxas tamén cambiou. Antigamente, o transporte facíase en contedores. Agora, levamos uns carros con carretillas coas que recollemos os animais. Favorece que non se golpean os animais e non hai que collelos coas mans. No muelle de descarga todo é automático e pasan dos contedores a unha cadea de lavado e de desinfectado.

Imos a granxas de toda Galicia, pero a maioría das que nos subministran atópanse na provincia de Pontevedra

Cal é a súa área de recollida?

Imos a granxas de toda Galicia. A maioría das que nos subministran están en Pontevedra e movemos arredor de 16 ou 17 camións diarios. Cada un deles carga uns 4.000 pitos. Sempre tratamos de que os que vehículos cos percorridos máis longos teñan despois algunha recollida en granxas de concellos próximos á factoría.

Con cantos empregados conta o Grupo Sada na súa factoría de Castro?

Na actualidade temos 370, sen contar os empregos indirectos. Foi oscilando dende os 60-70 que había nos anos 80. O 90% do cadro de persoal reside nos concellos de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei, aínda que tamén hai compañeiros de Lugo. Creamos moito emprego feminino. A metade dos traballadores son mulleres.

"Sufrín unha denuncia por verteduras infundada por ir nunha lista electoral, como aclarou o xuíz"
Ao falar da súa longa etapa como director do matadoiro de pitos, Ónega comenta con humor que a peor lembranza que garda foi unha denuncia por un tema de verteduras "que era infundada e obedecía a motivos políticos, como aclarou o xuíz na sentenza. Pedíanme  catro anos de cárcere e  saín absolto. O meu único delito era ser amigo e ir na lista do exalcalde Arturo Pereiro, que na miña opinión foi o mellor rexedor da historia recente de Castro".
E cal foi a súa maior satisfacción.
Sen dúbida, dar unha oportunidade laboral a moitos veciños de concellos da redonda e a profesionalidade e implicación dos traballadores da fábrica. En Castro nunca tivemos ningún problema para asumir traballos se había unha reforma ou un imprevisto  noutros matadoiros do grupo. A  xente sempre estivo predisposta.
Foi vostede tamén un recoñecido xogador de fútbol afeccionado.
Lembro esa época como a mellor da miña vida. Deixoume un montón de amigos en todos os sitios e  tiven sorte coas lesións. Levei golpes, pero nunca estiven de baixa. 
Como valora a súa etapa como presidente do Castro?
Estiven de 2004 a 2008. Na tempada 2006-07 fomos o segundo equipo lucense con máis socios, con 1.080 recibos pagados. Subimos a Preferente e estivemos a piques de facelo a Terceira.

Comentarios