viernes. 17.09.2021 |
El tiempo
viernes. 17.09.2021
El tiempo

Vida a través do obxectivo

undefined
José Manuel Cazás. EP
José Manuel Cazás, que ten unha empresa familiar de carpintería en Xermade e leva moitos anos vinculado ao Santaballés, agora dedica o seu tempo libre ao mundo da fotografía

A maioría da xente coñéceo pola súa faceta profesional como carpinteiro, na empresa familiar que ten xunto ao seu pai e un dos seus irmás en Cazás, (Xermade). Outros, en cambio, pola súa vinculación co fútbol vilalbés, especialmente co Santaballés, un club que chegou a presidir e no que xogou tanto no primeiro equipo como nos veteráns nas últimas tempadas. Pero son moi poucos os que identifican a José Manuel Cazás co mundo da fotografía, unha paixón que o acompaña dende hai moito tempo, pero na que non se volcou ata hai dous anos.

"Sempre facía as fotografías co móbil para os familiares ou amigos nas vodas e neste tipo de eventos. Pero foi fai dous anos cando decidín mercar unha cámara e empecei a tomalo máis en serio", explica este veciño das Pontes, que fixo algún curso online do fotógrafo Javier Somozas para perfeccionar e mellorar a súa técnica disparando coa cámara.

Con ela trata de captar imaxes "da natureza". "Fago un pouco de todo, pero o que máis me interesa é a paisaxe, os animais, as fervenzas... Gústame que haxa auga polo medio", indica Cazás, que adoita aproveitar as fins de semana e as escapadas en familia para retratar todo o que se lle pon por diante.

"Trato de madrugar para captar algún amencer, o tema da luz en fotografía é moi importante. Tamén algún solpor, é un momento fermoso", engade José Manuel, quen asegura que esta nova afección ademais lle permite descubrir novos recunchos que merecen moito a pena.

"Habitualmente vou polas comarcas de Ferrolterra ou Ortegal —Espasante é un dos seus sitios preferidos—, tamén pola zona das Pontes, que é onde vivo, e por suposto por Cazás, Guitiriz, Vilalba...", enumera o fotógrafo afeccionado, recalcando que hai infinidade de "ubicacións que merecen a pena ser visitadas". "Aquí en Galicia somos uns auténticos privilexiados coa paisaxe", engade.

Dende as alturas. Ademais de facer todo tipo de instantáneas coa súa cámara dixital compacta, tamén se está iniciando no mundo da fotografía dende as alturas cun dron. "Gústame pola visión que dá, que é totalmente diferente que a que tes dende abaixo", indica Cazás, que xa tivo a oportunidade de retratar dende o ceo, entre outros moitos lugares, Cazás, a parroquia xermadesa onde está asentada a súa empresa familiar.

Este e outros moitos traballos realizados ao longo destes dous anos por este veciño das Pontes con moitas vinculacións coa Terra Chá poden verse nas súas redes sociais. En Facebook conta cunha páxina propia —José Manuel Cazás— dende hai bastante tempo. Hai menos, uns seis meses, decidiu aventurarse tamén co Instagram. Nesta plataforma suma case 2.000 seareiros. "É a que máis utilizo, onde máis xente me segue e sigo", di o fotógrafo, que espera seguir sumando coñecementos e moitas imaxes máis ao seu álbum particular.

Vida a través do obxectivo
comentarios