"Irán vacinando a todos, pero a min ¿cando me vai a tocar? ¿Para o ano que vén"

Unha veciña de Cospeito continúa sen cita con 69 anos  Defende que chamou en numerosas ocasións ao teléfono que facilita o Sergas e critica que ninguén lle dá ningunha resposta
Consuelo Lozano. EP
photo_camera Unha enfermeira prepara unha dose da vacina de Pfizer. CABALAR (EFE)

"Estou preocupada, teño 69 anos, ninguén me chama para vacinarme, e encárgome de coidar á miña nai con alzhéimer de grao tres". Así resume Consolo Lozano, unha veciña de Santalla de Rioaveso, no municipio chairego de Cospeito, unha situación que empeza a inquietala e desesperala.

Esta muller, que retornou á súa terra natal xunto ao seu marido hai nove anos desde Portugalete, en Biscaia, co obxectivo de atender á súa proxenitora que residía na parroquia de Rioaveso, denuncia que non se puxeron en contacto con ela para administrarlle a vacina contra o covid-19.

Ademais, defende que chamou en numerosas ocasións ao teléfono que facilita o Sergas e critica que ninguén lle dá ningunha resposta.

"Chamei eu e chamou o meu fillo e só dinnos que todos os datos están correctos e que xa me chamarán. Pero levo así preto de dous meses", reclama esta veciña da comarca de Terra Chá, confirmando que o seu marido, que tamén tivo que solicitar a documentación por ser "desprazado", xa foi inmunizado.

"Abriron varias incidencias, pero me din o mesmo que no teléfono do covid, que os meus datos están ben e que xa me chamarán ", di esgotada

"Ata agora non tivera medo ao coronavirus, pero esta situación de non saber cando me van a chamar está a provocarme temor. Ademais, aínda que a miña nai está vacinada, teño que axudarlle en todo e iso preocúpame ", engade Consolo, que xa acudiu tamén en numerosas ocasións —"cada semana", asegura— ao centro de saúde de Feira do Monte, onde ten o seu médico asignado, para advertirlles da súa situación.

"Abriron varias incidencias, pero dinme o mesmo que no teléfono do covid, que os meus datos están ben e que xa me chamarán ", di esgotada, mentres explica que a un curmán seu "de 55 anos" tampouco o convocaron para vacinarse.

"A el dixéronlle que se non o chamaban cando lle correspondía cos da súa idade, tería que esperar ata o final, pasaría a ser dos últimos", apunta asustada, por se o seu caso é tamén igual.

"Ouvín nas noticias que aos poucos irán vacinando a todos, pero a min ¿cando me vai a tocar? ¿Para o ano que vén?", conclúe molesta esta veciña de Cospeito, mentres segue esperando pola súa vacina.

Comentarios