Investigan o roubo en Sada dun camión frigorífico que ardeu en Baamonde

Os axentes non puideron localizar ao condutor do vehículo, que foi subtraído da nave dunha empresa cárnica
Vehículo afectado. C. PÉREZ
photo_camera Vehículo afectado. C. PÉREZ

A Garda Civil abriu unha investigación para intentar esclarecer as causas do incendio dun camión en Baamonde, no enlace entre as autovías A-8 e A-6, tras non poder localizar ao condutor do mesmo e comprobar que se trataba dun vehículo subtraído en Sada.

Ao redor das nove menos cuarto da noite do venres, un particular alertou á central de urxencias do 112 Galicia da presenza dun camión ardendo na beiravía da autovía, concretemante no punto quilométrico 594,3 da A-8, que se corresponde xa coa incorporación Autovía do Noroeste, en sentido A Coruña.

Ata o lugar desprazáronse efectivos do parque comarcal de bombeiros de Vilalba, patrullas do subsector de Tráfico de Lugo e persoal de conservación de estradas . Mentres se prolongaron as tarefas de extinción, foi necesario cortar un tramo da vía.

O lume calcinou por completo o vehículo, un camión frigorífico pertencente a unha empresa cárnica da localidade coruñesa de Sada que, tal e como se puido comprobar, non transportaba ningún tipo de mercancía no momento no que se produciu o incendio.

Ao non localizar ao condutor no lugar do suceso e tras contrastar que non fora evacuado a ningún centro hospitalario —desde o 112 tamén se deu aviso ao servizo de urxencias sanitarias 061 por precaución, ao non saber nun primeiro momento se había feridos— contactouse coa empresa propietaria do vehículo, que confirmou que non previra ningún desprazamento do mesmo e que este tería que estar estacionado na súa nave de Espírito Santo.

Ao certificar que se trataba dun vehículo subtraído, informouse tanto Garda Civil de Guitiriz como Oleiros para intentar esclarecer as causas deste suceso e identificar aos responsables do mesmo.

Tamén se buscará determinar se o camión puido utilizarse para transportar algún tipo de mercancía e se o incendio produciuse de forma accidental ou pola contra, o autor ou autores do roubo decidiron abandonalo alí e prenderlle lume para desfacerse de posibles probas.