Investigan a orixe dun incendio nunha casa en reformas en Abadín

Os bombeiros apagaron o lume, que causou danos materiais

Os Bombeiros de Vilalba sufocaron na mañá deste domingo un incendio rexistrado nunha casa en reformas en Abadín, a onde tamén se desprazaron operarios do concello con material de extinción. O sinistro non provocou danos persoais, xa que a vivenda non estaba ocupada no momento do sinistro. As causas do lume están sendo investigadas, atendendo á información divulgada polo 112.

Os profesionais de extinción de Vilalba indicaron á central de emerxencias que detectaran o foco do lume na entrada da vivenda. Arderon papeis, roupa e algún moble de madeira, e unha fiestra resultou danada.

O 112 tivo constancia do lume sobre as 11.00 horas a través da chamada dun particular, que levou a mobilizar os Bombeiros, Garda Civil e persoal do Concello.