O inventario de camiños de Guitiriz recolle 3.350 vías

O documento irá a pleno este venres e, se se aproba, exporase ao público durante un mes para realizar alegacións

A corporación de Guitiriz debaterá este venres nun pleno extraordinario, fixado para as 10.30 horas, o inventario de camiños do municipio, un traballo que documenta 3.350 vías no concello, excluíndo as rúas urbanas e as que son de titularidade doutras administracións.

Se o inventario se aproba -desde a oposición solicitouse en diversas ocasións a súa elaboración- exporase ao público durante 20 días hábiles, período no que os técnicos responsables da súa realización acudirán ás oficinas municipais para resolver as dúbidas dos veciños.

"A nosa idea é que as alegacións que se presenten se vaian resolvendo ao momento", puntualiza Regina Polín, que avanza tamén que, como moitas das vías documentadas están en terreos das 14 comunidades de montes que existen en Guitiriz, os seus representantes serán convocados a reunións para abordar conxuntamente o inventario e comprobar os cambios que se poderían realizar.

Este estudo, que se adxudicaba hai un ano, en novembro de 2017, á empresa lucense Proyestegal, documenta e cataloga cada unha das vías inventariadas cunhas fichas nas que se identifican correlativamente co código numérico da parroquia -se son interparroquiais, co do concello- e recóllese o seu topónimo, o material do que están feitos, o seu estado de conservación, a súa referencia catastral -algúns teñen varias-, as coordenadas do seu punto de partida e fin e planos de cada un deles.

Desde Proyestegal, que dedicou máis dun mes só ao traballo de campo, puntualízase ademais que, entre os ao redor de 1.500 quilómetros de camiños que documentaron, non só se recollen pistas municipais, senón tamén outras vías como servidumes. Puntualizan ademais que hai camiños que non contan con referencia catastral e ao revés, itinerarios dos que consta documentación pero que xa non existen sobre o terreo.

AUGA. O pleno do venres servirá tamén para validar o pago de urxencia do proxecto que se está executando na potabilizadora de Guitiriz para eliminar o exceso de ferro que presentaba a auga da traída, o que levou ao goberno local a desaconsellar o seu consumo desde o 22 de outubro.

Polín explicou que o investimento ascende a 41.000 euros e que a obra, que leva dúas semanas en marcha, debería estar finalizada esta semana. Unha vez instalado o novo filtro, procederase a encher o depósito dun millón de litros, que xa foi baleirado e limpado. Unha vez se comprobe a calidade da auga e o bo funcionamento do sistema, procederase a limpar os outros dous depósitos, de 400.000 litros cada un.

Comentarios