Inundacións en Guitiriz e Begonte mentres Castro recupérase do tornado

Paso subterráneo inundado en Baamonde. M.MANCEBO
photo_camera Paso subterráneo alagado en Baamonde. M.MANCEBO

Mentres en Castro de Rei se recuperaban do paso dun tornado deixou sen auga a veciños de dez parroquias do municipio na xornada do venres, as intensas choivas provocaron este sábado inundacións en concellos como Guitirz, Begonte ou Vilalba debido á crecida dos ríos.

"O servizo eléctrico restableceuse ás 23.00 horas do venres e a partir das dúas da mañá a maioría dos veciños xa empezaron a ter auga. Á primeira hora de onte, ás sete, xa había subministración en todas as explotacións e no polígono de Castro para empezar coa produción", confirmou o rexedor de Castro de Rei, Francisco Balado, que asegurou que o tornado que pasou polo concello, e que afectou sobre todo a Castro —houbo desfeitas en Cruz Vermella e na granxa Gayoso— e ao tendido eléctrico, deixou varias árbores caídas e unha torreta de media tensión partida en dúas.

[O CIT de Parga, alagado. EP]O CIT de Parga, alagado. EP

Se o venres o problema foi o vento, as choivas foron este sábado as causantes de numerosas inundacións. No concello de Guitiriz, un dos máis afectados, alagouse o Cit —os donos do bar recibiron a alerta de inundación ás oito da mañá e non puideron acceder en horas ao interior—, O Pitero ou a Ruta da Auga, polo que unha actividade de sendeirismo que había prevista para hoxe modificouse pola imposibilidade de acceder por moitas zonas.

En Vilalba, estivo cortada a estrada da Charca do Alligal, un clásico cando chove moito, como o paso subterráneo de Baamonde, en Begonte, que se volveu a alagar —o mesmo punto onde a semana pasada a Garda Civil tivo que rescatar a unha familia— ou parte do club fluvial. Ademais, rexistráronse problemas nas cunetas obstruidas en concellos como A Pastoriza, onde tamén se rexistraron inundacións en Fonmiñá.

Comentarios