Internet dificulta o primeiro pleno vilalbés tras a ruptura do goberno

A obrigatoriedade de non superar 4 horas acelerou os debates, a comparecencia da rexedora e complicou as votacións
Elba Veleiro, na casa do Concello. C. PÉREZ
photo_camera Elba Veleiro, na casa do Concello. C. PÉREZ

O primeiro pleno tras a ruptura do goberno vilalbés celebrouse por vía telemática, pero internet e sobre todo a obrigatoriedade de non superar as catro horas de gravación dificultaron unha sesión ordinaria que xa se auguraba tensa. O límite de tempo acelerou os debates e a comparecencia da rexedora, Elba Veleiro, solicitada polo PP para explicar o fin do pacto de goberno con Vilalba Aberta.

Pero a vía telemática non só condicionou os tempos. Houbo problemas coa publicación —o pleno non se puido retransmitir nin tampouco subir este mércores á web debido á "saturación" e "sobrecarga" que alegou a empresa que se encarga diso (en moitos municipios celebráronse plenos para a repartición de mesas electorais)— e as pantallas e a falta de contacto físico, ou polo menos visual, complicaron os acordos de voto no PP.

O pleno arrincou coa unanimidade dos tres grupos, que apoiaron a petición dunha subvención ao Idae para o cambio de luminarias, a modificación da ordenanza fiscal para suprimir e rebaixar as matrículas do conservatorio, a ampliación do parque infantil da Praza da Constitución ou accesos en Rioaveso. Pero a disparidade de posturas fíxose presente pronto coas mocións.

O PP e Vilalba Aberta levaban propostas de plans de reactivación económica e debatéronse xuntas. A primeira, non contou co apoio de ningún grupo. A segunda, que leva a inxección de 500.000 euros para pemes e autónomos, aprobouse cos únicos votos a favor dos edís de Vilalba Aberta. O PSOE, que segundo a oposición ao principio parecía que ía votar en contra, abstívose, e o PP, que nun primeiro momento ía opoñerse, decidiu absterse. Pero as pantallas non permitiron interpretar xestos e dous dos seus concelleiros votaron en contra, co que houbo empate. Na segunda rolda de votación, a abstención total do PP posibilitou sacar adiante o plan de axudas.

"A moción do PP era inviable e algo arbitraria e a de Vilalba Aberta ten defectos, pero non era unha aposta desmedida. Entendiamos a intencionalidade e o fondo, e traballaremos con Vilalba Aberta para corrixir posibles erros", expresou a rexedora, Elba Veleiro, que asegurou, ao contrario que os grupos da oposición, non sentir tensión no pleno. "Fomos ao debate honestamente situándonos no mellor para os veciños e estou convencida de que por encima dos personalismos", valorou.

Vilalba Aberta sacou adiante o seu plan de reactivación con dous votos

"Para nós é un éxito. É un plan ambicioso cunha proposta rigorosa", explicou Modesto Renda, que defendeu que Vilalba Aberta se enfrontou a este primeiro pleno tras a ruptura "cunha liña tranquilizadora, sen dramatismo e coa intención de traballar", pero criticou a un PSOE "crispado —non por parte da alcaldesa— que non asimilou que está en minoría".

O PP tamén arremeteu contra un pleno "enlatado" que Agustín Baamonde definiu como "un aquelarre" e "un despropósito absoluto" cun equipo de goberno "desnortado" que "non se deu conta da situación que ten". "Un grupo de goberno non se abstén", apuntou crítico, mentres explicou que cambiaron o seu voto para posibilitar a aprobación da moción de Vilalba Aberta. "Máis vale un pacto de recuperación malo, que ningún", dixo, á vez que falou de comentarios con especial "virulencia" cara a Renda.

COMPARECENCIA. A comparecencia da alcaldesa para falar sobre a ruptura do pacto, que centrou unha vez máis na falta de confianza, quedou nuns poucos minutos, que non foron considerados suficientes, e sen intervencións. A propia Veleiro non mostrou obxección a repetila con máis tempo e comprometeuse a iso, pero desde o PP urxen concreción e axilidade. "Ten que ser inmediata e non tardar dous meses esperando ao próximo pleno", din.

Tamén se aprazou a moción de reordenación urbana de Vilalba Aberta coa intención de crear unha comisión de urbanismo.

Manuel María dará nome á casa da cultura 
O pleno, cos votos a favor do PSOE e Vilalba Aberta e a abstención do PP, aprobou iniciar a tramitación do expediente para dar o nome do poeta Manuel María á casa da cultura de Vilalba, unha solicitude reiterada desde hai tempo na capital chairega que presentou como moción Vilalba Aberta. 

Precursores 
Modesto Renda, que definiu esta aprobación como "outro grande éxito", quixo agradecer e recordar o papel dos que xa loitaron para conseguir este nomeamento antes, e destacou o papel do BNG e do Iescha.

Comentarios