Intercambios interxeracionais, experiencias enriquecedoras

Colexios e centros de maiores da Terra Chá, Pol e As Pontes levan varios anos programando actividades conxuntas que fomentan o contacto entre os escolares e as persoas maiores. Nesta veterana iniciativa veñen de estrear, con éxito, a residencia de maiores de Pol e o centro de día de Guitiriz.
Bingo no centro de día de Cospeito. C.PÉREZ
photo_camera Bingo no centro de día de Cospeito. C.PÉREZ

"39!", "Case!", "Telo aí"... "O 6", "Nada, non hai maneira!", "Tamén o tes?"... Xira o bombo... "60!", "Outro!" "Estás en racha!", "Eu levo dous!", "44!" "Bingo!", "Non, non o tes, que che falta o 62, seguimos", "O 71!", "Bingo!" "A ver que miramos se os tes todos...". Compróbase o cartón e certifícase que efectivamente, hai bingo. É o de maiores, así que hai que seguir sacando bólas ata que se cante o de nenos. E entréganse os premios da segunda rolda. Houbo unha primeira e aínda queda tempo para, polo menos, unha terceira. 

É unha mañá calquera de venres, na que os escolares de cuarto de primaria do CPI Virxe do Monte de Cospeito cambiaron a aula pola sala multiusos do centro de día Vila de Valverde para xogar ao bingo cos usuarios deste, dependente da rede de centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualde e Benestar. Non é a primeira vez e non será a última. 

As dúas entidades levan varios anos fomentando intercambios interxeracionais, unha experiencia enriquecedora para ambas partes que xa está plenamente consolidada na súas respectivas axendas. "Colaboramos sempre que se pode, porque aos usuarios é o que máis lles gusta, encántalles estar cos pequenos", explican dende Vila de Valverde. 

Tamén comparten obradoiros, coma o de decoración que fixeron no Nadal ou celebracións noutras datas sinaladas: Letras Galegas, Día dos Avós, Día do Libro, etc. E aínda que o habitual é que os escolares vaian ao centro, os maiores tamén se achegan ao colexio, coma por exemplo para ver a exposición de casas encantadas que os nenos fixeron polo Samaín.

"Trátase de crear conciencia e de que empaticen cos maiores", engaden no centro de día, e por iso tamén fixeron que os pequenos participasen nun xogo no que lles poñían distintas limitacións para converter o seu corpo no dunha persoa maior e que así puidesen poñerse no seu lugar. "É unha aprendizaxe mutua", conclúen dende Vila de Valverde, mentres que dende o colexio apuntan a que estas visitas se enmarcan "dentro da educación en valores, na convivencia e no respecto polos maiores, temas trasversais que traballamos dende as aulas".

Os intercambios xurdían do programa de voluntariado da biblioteca e acabaron por converterse case que nunha rutina á que se suma todo o alumnado de infantil e de primaria do Virxe do Monte e que tentan levar a cabo polo menos unha vez ao mes.

Ceip Ramón Falcón/Residencia de Maiores de Castro de Rei 
Intercambios entre o Ceip Ramón Falcón e a residencia de maiores de Castro de Rei. EP 
Quinto e sexto de primaria do Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei participan no mesmo programa de voluntariado que o CPI Virxe do Monte e tamén foi a través del que iniciaron as actividades compartidas entre este centro e a residencia de maiores de Castro de Rei, xestionada por Mensajeros de la Paz. E o feito de compartir recinto non fixo máis que facilitar as sinerxias entre ambos centros. "Unha das primeiras actividades que fixemos foi ir á residencia de maiores",lembran no colexio destacando a "responsabilidade" que senten os nenos "porque queren facer ben as cousas". Este ano aínda non puideron cadrar axendas, pero prevén "ir facer lecturas e algún programa de radio, que lles gusta moito". E a acollida será fantástica, avanzan dende o xeriátrico: "A los residentes les encanta y ya preguntaron varias veces cuándo vienen".
Ceip Veleiro Docampo / Residencia Domus Vi de Castro 
Actuación do Ceip Veleiro Docampo para os residentes da residencia de Castro. EP
Na residencia Domus Vi de Castro de Ribeiras de Lea tamén acollen cos brazos abertos as visitas dos escolares do Ceip Veleiro Docampo, cuxo alumnado se achega sempre polo Nadal para cantar panxoliñas. Este ano cumpriron coa tradición.
Ceip de Bretoña / Residencia A Pastoriza 
Actuación na residencia de Bretoña. EP
No Ceip de Bretoña levan varios anos preestreando o seu festival de Nadal cos residentes do xeriátrico da Pastoriza, pertencente á Fundación San Martín, como público. "Para eles é unha ilusión tremenda, xa o teñen como tradición e cando o preparan xa o fan pensando non só nas súas familias, senón nos maiores, danse de conta de que lles axudan ás persoas que están alí", din dende o colexio, unha realidade que ratifican dende a residencia. "Gústalles moito e rinse un montón con eles, failles moita ilusión todo, ata o biscoito que os nenos lles van repartindo —é a achega da cociña do colexio á cita— e, a cambio, eles convídanos a tarta e a galletas", precisan no centro de maiores, sen descartar ampliar as visitas a outras datas, coma o Entroido.
Ceip Santa María de As Pontes / Residencia La Madgalena
O Nadal tamén foi a data escollida polo alumnado de cuarto de primaria do Ceip Santa María das Pontes para visitar a residencia La Magdalena e levarlles "alegría" aos residentes, segundo salientan no xeriátrico pontés. "Faise polo menos unha xornada de convivencia por curso, para eles é unha experiencia moi boa e estaban felices", explican dende o colexio Santa María, un dos tres centros de infantil e de primaria que hai nas Pontes, xunto á Fraga e á Magdalena. E os alumnos destes tamén teñen ido á residencia, a compartir experiencias coas persoas maiores. 
Ceip Aquilino Iglesia Alvariño / Centro de día de Abadín
Actividade conxunta no centro de día de Abadín. EP
Este curso non puido haber xuntanza polo Nadal entre o centro de día de Abadín, tamén da rede do consorcio e o Ceip Aquilino Iglesia Alvariño, que comparten un mínimo de tres xornadas por ano. "Os usuarios estanos esperando como auga de maio, prestan moita atención ao que lles din", explican dende o centro de día, destacando os "múltiples beneficios" destas convivencias. "Tendo en conta a poboación envellecida que hai no concello, é importante que os nenos se relacionen con eles e que entendan porque están no centro de día, que hai maiores sós e que sexan conscientes de que hai que acordarse deles", apuntan dende o colexio abadinés.
Ceip de Baamonde / Centro de día de Begonte
Encontro de Nadal en Baamonde. EP
Este tipo de reunións tamén se pode dicir que están institucionalizadas entre outro dos centros da Xunta, o de Baamonde, e o veciño Ceip da localidade. "Con estes encontros buscamos pór en valor as capacidades das persoas maiores, mellorar o seu estado de ánimo e fomentar a participación e integración da comunidade na vida do centro", precisan dende as intalacións xerontolóxicas begontesas, ao tempo que no colexio falan da "visión diferente" que estas actividades lles achegan aos alumnos.  
Ceip Lagostelle / Centro de día de Guitiriz
Lecturas no centro de día de Guitiriz. EP
Outros colexios acaban de comezar, con grande éxito, esta andaina de intercambios. É o caso do centro de día municipal e do Ceip Lagostelle de Guitiriz, que se estreaban xusto antes do Nadal cunha visita dos 13 estudantes dun dos grupos de quinto. E está previsto que en breve vaia o outro. "Temos un taller de escritura, sempre pensamos quen vai ser o destinatario e entre todos chegamos ás persoas maiores", din dende o colexio, no que os escolares escribiron contos que estivesen non só protagonizados por persoas maiores, senón que estas tivesen un papel decisivo na resolución da historia. A experiencia foi "moi bonita e unha aprendizaxe" e os nenos xa están a compoñer "un poema" para agasallar aos usuarios nunha vindeira visita. "Quedaron de volver e nós xa estamos preparando o centro para que lles conten cousas os usuarios", confirman dende o centro de día, satisfeitos por unha cita "na que todos interactuaron moi ben".
Ceip Rosalía de Castro de Mosteiro / Residencia de maiores de Pol
Festival de Nadal na residencia de Pol. EP
Un balance similar é o que fan  os protagonistas da primeira toma de contacto entre o Ceip Rosalía de Castro e a residencia de maiores de Pol, impulsada dende a Deputación de Lugo e que abría as súas portas hai só uns meses. "Puxémonos en contacto as direccións dos dous centros para facer algo interxeracional e pensamos que o Nadal era a época para facelo", explican dende o xeriátrico. Os residentes "regaláronlles ao nenos un belén de fariña de millo feito por eles e os escolares trouxéronlles a eles postais e cantáronlles panxoliñas", resume sobre unha experiencia que deixou aos maiores "súper emocionados" e que lles fixo "sentirse útiles, porque puideron amosarlles aos nenos como fixeron o belén e iso é moi positivo". Unha valoración que non dista moito da que fan no colexio: "Foi unha experiencia moi enriquecedora, nunha fixeran ningún taller interxeracional e foi todo moi ben, os nenos quedaron moi contentos e entenderon o que é unha residencia de maiores", din, convencidos, coma todos os demais centros que viven estas experiencias, da necesidade de darlles continuidade no tempo.

Comentarios