Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Intantáneas para a tranquilidade

Alejandro Rego. EP
Alejandro Rego. EP

O fotógrafo Alejandro Rego Díaz expón ‘Imaxes dunha terra en calma’ no salón de plenos de Guitiriz ata o día 5 de setembro 

Seu pai é de Meira, súa nai é de Abadín e, aínda que Alejandro Rego Díaz naceu na Coruña, a súa casa e o seu corazón están nesa Chaira que protagoniza a exposición fotográfica ‘Imaxes dunha terra en calma’ que pode verse ata o 5 de setembro —de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas— no salón de plenos da casa do concello de Guitiriz.

"O tema escollino por meus pais e meus avós, toda a miña familia é de aquí", explica sobre unhas instantáneas nas que se capturan fragmentos de Abadín, Seivane e A Graña, de Meira, de Pol ou mesmo de Baleira, instantes "de calma e de paz, cos que saír do ruído, dos problemas do día a día, e iso é o que atopo na Terra Chá".

E de aí o título da mostra. "Pretende expresar ese sentimento que busco e que atopo na Terra Chá e na fotografía", explica Alejandro, que a través do seu obxectivo foxe da acción e procura a tranquilidade, "coma se fose unha meditación, ademais de buscar imaxes que teñan beleza".

Alejandro espera inspirar esa mesma sensación que el tentou capturar nas súas imaxes nas persoas que acudan a ver a exposición, composta por 14 imaxes, unha selección da colección de 24 ‘Imaxes dunha terra en calma’, que se puido ver na Casa das Artes durante o Festival de Pardiñas. A comezos de ano, tamén amosou unha escolma de 13 destas fotos chairegas na asociación Alexandre Bóveda da Coruña.

"Non hai retratos e si moita arquitectura, paisaxes e animais, cans", precisa o fotógrafo, cuxa paixón polas cámaras busca raíces na súa adolescencia, cando "empecei a sacar algunha foto", na afección á fotografía de seu pai e mesmo na profesión de ambos proxenitores, "son ópticos, e sempre houbo cámaras na casa".

"Estudei algún ano de arquitectura e aí adestras o ollo cara a arquitectura, a paisaxe, os detalles, e aos 19 anos empecei a sacar fotos máis en serie, pola miña conta, e a darlle un sentido", lembra Alejandro, que a partir dese momento converteu manuais e libros de fotografía nunha lectura obrigada. E como quere que a súa paixón poida ser tamén a súa profesión, cursará un máster de fotografía en Madrid.

"As miñas paixóns son a fotografía e a escritura e é ao que me gustaría dedicarme no futuro, quero combinalas", di, apuntando que aínda que nesta mostra decidiu incluir só un texto de presentación, non descarta ir xuntando ambas vertentes e incluso darlle forma a unha publicación que una ambas facetas.

A serie da Chaira é a segunda exposición para Alejandro Rego, que daba a coñecer por primeira vez a súa obra en París —leva catro anos vivindo na cidade francesa, a onde o levaron os seus estudos de Filosofía— en 2017 coa mostra ‘Haikus’, que tamén se puido ver este ano no Forum Metropolitano da Coruña.

Trátase dunha colección de 40 fotografías "máis abstractas, de detalles pequenos" que aínda así ten puntos de confluencia con ‘Imaxes dunha terra en calma’, con algunha fotografía compartida entre ambas. A fin de contas, como o propio Alejandro di sobre a súa arte fotográfica, "o que busco en xeral atópoo aquí, na Terra Chá"

Intantáneas para a tranquilidade
Comentarios