sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Jamy Corral recolle instantes vividos xunto á barra en 'Historias de Taberna'

Víctor Corral olla un cartel da homenxa a Xoán
Víctor Corral olla un cartel da homenxa a Xoán
O propietario do restaurante Galicia de Baamonde, leva dende os 80 facendo fotos no negocio familiar

Nostalxia. Se houbese que escoller unha soa palabra que recollese todas as sensacións que provocan as imaxes da colección Historias de Taberna, esa sería a máis acaída. Se se poidesen usar moitas, daría para un diccionario: gargalladas, entretemento, tradición, conversa, tristura, adeus, lembranza, sorriso, música, familia, amizade... así ata un infinito de sensacións, emocións e recordos vividos ao longo de case 40 anos no restaurante Galicia de Baamonde.

Generated by  IJG JPEG LibraryJamy Corral iniciaba en 1982 unha tradición que se estende ata a actualidade. Inmortalizar, a través do obxectivo da súa cámara, instantes da vida cotiá deste histórico negocio familiar que pasou de seus bisavós a seus avós, destes a seus pais, que converteron Casa Ribado no Galicia, e agora a Jamy e aos seus irmáns, os catro fillos de Xoán Corral e Maruja Ares.

"Tiña a cámara na barra e aproveitaba para facer fotos en calquera momento", explica sobre un traballo que se inauguraba con 'Hanche ser contos', un intercambio de confidencias entre dous habituais mentres toman un café.

Esta fotografía, que ademais resultaría premiada anos máis tarde, no Festival de Pardiñas de 1993, é a primeira dunha serie de incontables instantáneas, das que Jamy seleccionou unha vintena para Historias de Taberna I, a exposición inaugural do Madia Leva en xullo de 2017.

Generated by  IJG JPEG LibraryHistorias de Taberna II, con outras tantas imaxes que penduraron das paredes do mesmo local, xurdía meses despois e agora chegou a quenda da terceira fase, que ten carácter virtual. Nas redes sociais do Madia Leva e nos perfís propios, Jamy está a recuperar cada día algunha das fotografías destas mostras, ademais de publicar outras inéditas que pertencen á mesma colección, acompañadas dunha breve reseña sobre cada imaxe e os seus protagonistas.

"A xente non deixaba de pedirme que volvese expoñelas ou que fixese unha mostra con novas fotos", precisa Jamy Corral para dar conta desta nova iniciativa a través da que está a recuperar esas imaxes en branco en negro protagonizadas por Blanco, Tino, Monteixo, o Mago Estévez, Xoán e Víctor Corral, Alfonso Orol, Reinote e tantas outras caras de sempre.

Generated by  IJG JPEG Library"Os que viron as mostras felicitábanme polos recordos que lles traían, porque nas fotos sae xente de aquí, que todo o mundo coñece, senten moita nostalxia, porque moitos son persoas que xa nos deixaron", relata Jamy. E semella que as instantáneas non só xeran emocións nos que saben quen son, pois tamén lembra unha curiosa anécdota: "Veu un señor, que non era de aquí, que quería comprar a colección completa". Non se deu, as Historias de Taberna non están á venda, aínda que Jamy non descarta recompilar todos eses instantes dalgunha outra maneira. E facelos aínda máis eternos.

Jamy Corral recolle instantes vividos xunto á barra en 'Historias...
comentarios