Innolact iniciará a finais de ano a ampliación da súa planta de mascarpone en Castro

Dos 3.000 metros cadrados construídos pasarase a 6.000 e porase en marcha unha nova liña de produción de queixo crema
Martínez, Balseiros y Janeiro, en un momento de la visita. S. IGLESIA
photo_camera Martínez, Balseiros e Janeiro, nun momento da visita. S. IGLESIA

A empresa Innolact, que conta actualmente con dúas plantas no polígono de Castro de Ribeiras de Lea nas que elabora produtos baixo a marca Quescrem, prevé iniciar a finais deste ano a fase de ampliación da nova nave, a dedicada case na súa totalidade á fabricación de queixo mascarpone e que comezou a funcionar en 2018.

Con este proxecto materialízase o obxectivo da compañía de pasar dos actuais 3.000 metros cadrados construídos a uns 6.000, segundo explicou este mércores o director xeral da firma, Sergio Martínez, durante a visita do secretario xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do subdirector xeral de Industrias Agroalimentarias, José Manuel Janeiro, a unhas instalacións que está previsto que concentren nuns "tres ou catro anos" toda a produción de Quescrem .

Estes traballos, que se desenvolverán fundamentalmente na parte de atrás da actual nave, nuns terreos urbanizados duns 15.000 metros cadrados, tamén contemplan a ampliación da entrada principal da edificación nuns 800 metros cadrados, que se destinarán a oficinas, recepción e zonas de I+D+i ou investigación, entre outras dependencias.

A nova nave comezou a funcionar en 2018

Con todo, o proxecto máis inmediato arrincará "xa", en palabras de Martínez, para que poida poñerse en funcionamento "en febreiro de 2023". Será a instalación dunha nova liña de produción de queixo crema "que cubrirá a nosa perspectiva de demanda" e que complementa a que xa se desenvolve na planta primixenia de Quescrem, construída en 2006. Desta última saen máis de 30 familias de produtos diferentes con destino a 42 países dos cinco continentes, como China —concentra un gran volume de mercado, tanto de particulares como de hostalería, e un dos produtos máis vendidos é o queixo crema lixeiro—, Taiwan, Xapón, Arabia Saudita, Estados Unidos, Canadá ou boa parte de Europa.

Durante o percorrido pola nova nave de Innolact e unha breve parada na orixinaria, na que os presentes degustaron algunhas elaboracións a base dos produtos de Quescrem, Balseiros destacou a aposta pola innovación que fai esta firma chairega e recordou o investimento de case "seis millóns de euros en melloras tecnolóxicas e materiais para incrementar a súa competitivades e eficiencia produtiva, con axudas de distinta índole por valor de dous millóns de euros".

Comentarios