A inesperada morte de Rodríguez Couce deixa orfas 35 parroquias

O sacerdote con máis responsabilidades de toda a diocese de Mondoñedo-Ferrol, e que tamén era capelán das dúas residencias de Castro de Rei, faleceu este xoves aos 50 anos de idade
Rodríguez Couce. AEP
photo_camera Rodríguez Couce. AEP

Chegou a Terra Chá tras unha chamada do bispo Manuel Sánchez Monge na que lle requiría para axudar a Xosé Manuel Carballo. Os 15 días iniciais para colaborar cun dos curas máis queridos da comarca transformáronse en seis anos nos que Javier Rodríguez Couce (San Sadurniño, 1971) foi asumindo novas tarefas e multiplicando parroquias ata chegar ás 35, as mesmas que agora quedan orfas tras o seu inesperado falecemento aos 50 anos de idade.

A noticia da súa partida foi recibida con "sorpresa", "incredulidade" e "impresión" por todos aqueles que tiveron a fortuna de tratar a unha persoa "afable", "respectuosa" e "moi próxima", e que ostentaba o título de ser o sacerdote con máis parroquias ao seu cargo de toda a diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Rodríguez Couce, ordenado en Mondoñedo en 1999, iniciou o seu labor sacerdotal en Cedeira. Tamén exerceu como párroco en San Claudio, en Ortigueira, onde pasou nove anos, e no Barqueiro e O Vicedo, onde estivo cinco. Os últimos dous antes da súa chegada a terras chairegas pasounos no mosteiro de Samos facendo espiritualidade.

Na comarca iniciou a súa andaina como axudante nas parroquias de Goberno, Balmonte, Ramil, Castro de Rei, Santa Locaia e Azúmara, para sumar despois as de Ponche de Outeiro, Pacios, Bazar e Prevesos.

Logo chegarían Viladonga (Castro de Rei), Silva (Pol), Pousada e Baltar (A Pastoriza) e, no verán de 2020, converteuse no responsable da Unidade Pastoral (Upa) de Castro de Ribeiras de Lea, que agrupaba outras 24 parroquias.

A todas estas engadiu a finais do pasado ano as de Muimenta, Roás, Pumar, O Arneiro, Momán, Matodoso, Triabá, A Regueira, Reigosa, Corbelle e Vilarente, repartidas por Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza e Abadín.

"Sempre estaba disposto a axudar, a achegar algo", aseguran fregueses que coñeceron de cerca a labor "desinteresado" e de acompañamento "" que realizaba Rodríguez Couce nunha comarca en que se converteu moi pronto nunha cara coñecida e querida.

Tamén era o capelán das dúas residencias de maiores de Castro de Rei, onde o seu falecemento consternou a usuarios, familiares e persoal. "Era un encanto, podíase falar con el de calquera cousa. Sempre actuaba de xeito desinteresada. Aínda non nolo cremos", asegurou Belén Pumares, a directora da residencia de Castro de Ribeiras de Lea, mentres o responsable do centro de día de Castro de Rei, Alejandro López, recordábao como " boa persoa e moi atento cos avós".

Nos últimos tempos, ademais do labor sacerdotal, coidaba como fillo único dos seus pais, e vivía a medio camiño entre a casa reitoral de Ponte de Outeiro e a vivenda da súa nai en Mañón.

"Sempre tinga tempo para todo aquel que ou necesitaba", asegurou pola súa banda Óscar Santiago, o arcipreste de Terra Chá, unha comarca que despide a un "corazón entregado" a 35 parroquias.

O bispo presidirá a misa de funeral
O bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, presidirá este venres, ás 17.00 horas, misar funeral en memoria de Rodríguez Couce, que se oficiará na igrexa de San Sadurniño, onde recibirá sepultura no cemiterio da súa parroquia natal.

comentarios