Indra empeza as obras do seu novo hangar en Rozas

A nova instalación, que contará con 2.000 metros cadrados e un investimento dun millón de euros, estará lista a finais de ano
2020070413215855020
photo_camera Asistentes ao acto da posta da primeira pedra do hangar. EP
A multinacional Indra SA, socia xunto a Babcock e a Xunta de Galicia no proxecto Civil UAVs Initiative, iniciou esta semana as obras para a construción do seu hangar no novo polígono que promove a administración autonómica no polo aeroespacial de Rozas, en Castro de Rei. O proxecto conta cun investimento que rolda o millón de euros, dos que case 790.000 se destinan á execución material da obra e o resto, á dotación de equipamento.

A empresa lucense A2 Proxectos farase cargo das obras, que contan cun prazo de execución de seis meses e suporán levantar un hangar cunha superficie de 2.000 metros cadrados.

Esta instalación contará cunhas oficinas adicadas ao desenvolvemento de produtos aeronáuticos, principalmente para o seu proxecto estrela, o Targus, unha aeronave, opcionalmente tripulada, de once metros de envergadura e de 1.250 quilogramos de peso.

Tamén albergará o Centro de Misión e Procesado de Datos (CMPD), co que se recompilarán e tratarán os datos xerados polos sensores dos UAVs, xestionará misións e realizará o control remoto dos dispositivos. No resto do hangar levarán a cabo labores de experimentación.

As oficinas contan con espazo para unhas 25 persoas e nelas traballarán nun primeiro momento un equipo de 15 profesionais. Segundo o informe técnico que figura no Concello e que se presentou para solicitar a licenza de obra, o hangar contará cun edificio con 895 metros cadrados na planta baixa, para labores de investigación, e 172 en planta alta, destinada a oficinas.

OUTROS PROXECTOS. Esta non é a única iniciativa no novo parque industrial de Rozas, xa que Babcock iniciou hai unhas semanas as obras do seu Centro Internacional de Investigación de Sistemas Autónomos Avanzados (Ircaas), que se prevé que estea operativo a próxima primavera e no que inviste uns 530.000 euros.

A obra ocupará unha superficie duns mil metros cadrados e o edificio principal, no que se realizarán traballos de investigación, o desenvolvemento e a construción de drons e tarefas formativas, terá 678 metros cadrados.

Comentarios