Inclusión laboral feita realidade

Lorena Rey traballa dende maio na ITV de Vilalba e, a maiores, asiste diariamente ao centro ocupacional da capital chairega, onde participa en diversos obradoiros e actividades

 

 

Lorena Rey no seu posto da ITV. S. IGLESIA
photo_camera Lorena Rey no seu posto da ITV. S. IGLESIA

Dende 1992 as persoas con discapacidade teñen un día marcado no calendario, o 3 de decembro, pero como acostuman a dicir, "tamén se nos ten que ver os 364 días restantes". Nesta ocasión, o lema resumiuse no empoderamento da xente con diversidade funcional, coa fin de garantir un desenvolvemento sostible, igualitario e inclusivo. 

Nestes 26 anos de loita traballouse pola inclusión social a través de, entre outras medidas, os postos de emprego e Lorena Rey é bo exemplo diso. A alegría e entusiasmo por calquera actividade que se lle presenta son constantes na figura desta moza vilalbesa, quen non sabe de obstáculos e, se o sabe, axiña os elimina.

Lorena Rey é un bo exemplo da loita das persoas con discapacidade pola inclusión social a través do emprego

Lorena é unha máis do cadro de persoal da estación de ITV de Vilalba dende maio deste ano, onde recoñece que "o paso moi ben". Para o centro ocupacional de Vilalba é o primeiro caso de integración nunha empresa, pero non é o primeiro achegamento que fai Lorena ao mundo laboral. "Antes estiven facendo prácticas no Parador de Vilalba a través do Programa de Garantía Social e no Spa de Santaballa, como camareira de habitacións", explica con luxo de detalles quen con 31 anos, "32 para o 9 de abril", pode presumir de facerlle fronte ás barreiras que se lle poidan poñer diante como persoa con diversidade funcional.

Antes da ITV, esta moza fixo prácticas no Parador de Vilalba e no Spa de Santaballa como camareira de habitacións

Ademais, non dubida en formarse nos cursos que ofrecen diversas entidades externas ao centro, como informática ou poda e silvicultura, máis alá dos habituais obradoiros que se ofertan no centro ocupacional.

Pero se tivese que elixir un preferido, non sabería. "Gústame todo, bailar, pintar, a carpintería, a xardinería e o bádminton", afirma unha muller multidisciplinar que tamén pasou polas táboas grazas á obra que interpretaron dende a escola de teatro o pasado ano, ‘A consulta do doutor’.

O resto dos días, de 15.00 a 19.00, céntrase no servizo de limpeza da ITV, pero sen perder o forte vínculo que a une ao centro ocupacional, do que insiste que "ten uns profesionais moi bos, iso si que hai que dicilo".

Comentarios