Importantes achados no Castro de Vilalonga tras novas escavacións

Restos da escaleira, o torreón e o aljibe desta estrutura foron os principais descubrimentos

A Consellería de Cultura e Turismo ocuparase de consolidar en próximas actuacións os valiosos achados arqueolóxicos realizados na última campaña de escavacións no Castro de Viladonga, en Castro de Rei, que permitiron descubrir restos da escaleira, o torreón e o aljibe deste asentamento.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou este martes o xacemento, onde recordou que "a última campaña de escavacións", na que a Administración autonómica investiu case 200.000 euros, permitiu atopar "valiosos achados".

De feito, eses achados obrigaron "a escavar máis aló do que estaba inicialmente previsto no proxecto e condicionará tamén as intervencións dos próximos meses" no xacemento.

Os traballos executados afectaron a unha superficie de 1.250 metros cadrados, situados no sector nordeste, dos que 100 foron de nova escavación e o resto sobre estruturas arqueolóxicas que xa foran exhumadas entre os anos 70 e 80 do pasado século XX para garantir a súa conservación.

O delegado territorial precisou que o resultado é "un percorrido máis accesible e completo" polo xacemento, de forma que "os visitantes poden ter unha mellor e máis segura experiencia na visita do castro".

Cultura e Turismo acondicionou o paseo superior da muralla do castro, cuns traballos que incluíron a colocación de banzos de madeira ben integrados na pendente existente e tamén a instalación dunha varandilla acorde coa contorna.

Así mesmo, as obras serviron para mellorar a accesibilidade do castro e para pór en valor o corte existente no seu sistema defensivo, de forma que se permite a visualización dos diferentes compoñentes estruturais da muralla e do foso.

Esta última intervención súmase ás desenvolvidas entre os anos 2016 e 2017, nas que tamén foron investidos 200.000 euros para corrixir as deficiencias detectadas nun estudo de diagnóstico elaborado en 2015 e no que se recomendaba un proxecto de conservación preventiva.

Comentarios