RECUNCHOS A DESCUBRIR

O imán multicolor e hipnótico xermadés

A igrexa de Santo André de Lousada, en Xermade, non pasa desapercibida á mirada allea

 

Santo André de Lousada. C.ARIAS
photo_camera Santo André de Lousada. C.ARIAS

Ten tanto de estraña como de hipnótica. Hai algo de imán no mosaico multicolor da súa fachada, pese a que o tempo vai deixando a súa pegada. Non pasa desapercibida á mirada allea e o que chega, ou pasa por casualidade de camiño ao miradoiro de Goía, non pode deixar de pararse a mirar con calma: é un goce para os sentidos. 

Iglesia Lousada (11)No corazón do rural xermadés, rodeada dun mundo verde que envolve, a igrexa de Santo André de Lousada érguese chea de espiritualidade a toda cor nunha modesta praza situada no lugar onde hai moitos anos se organizaban as feiras. 

O templo, de estilo modernista, foi inaugurado no ano 1962 nun momento de efervescencia no que xurdían por toda Europa e América novas formas de deseñar as igrexas, que tomaban como referencia o chamado Movemento Litúrxico alemán. E as obras foron financiadas coa venda dun enorme teixo milenario que había na parroquia. 

A igrexa é tan moderna no exterior como no interior, que tamén merece a pena coñecer. Ao mosaico da fachada de José López Guntín, súmanse dentro un cristo e unha virxe de madeira deseñados por Juan Puchades Quilis, autor tamén da vidreira en forma de cruz latina.

Iglesia Lousada (5)

O lugar
Conducir pola LU-540 ata o quilómetro 37, á altura de Roupar, e desviarse cara a Lousada de Arriba. Alí, no campo da feira está a igrexa. 
Curiosidades
Iglesia Lousada (6)
O templo, do arquitecto ferrolán Rodolfo Ucha, inicialmente estaba previsto para unha parroquia de Ferrol, pero finalmente e a través do párroco Manuel Mejuto, destinado a finais dos anos 50 á parroquia xermadesa, construíuse en Lousada. 

 
Datos de interese
A arquitecta vivariense Silvia Blanco gañou o Premio Xermade na Historia 2017 cun traballo sobre este espectacular templo. 

Comentarios