A II Concentración Vila das Pontes reúne preto de 300 vehículos clásicos

A celebración, que contou cunha comida fraternal cuns 500 asistentes, estreou un espazo de venda

Concentración de coches clásicos en As Pontes. M. MANCEBO
photo_camera Concentración de coches clásicos nas Pontes. M. MANCEBO

A segunda edición da Concentración Vila das Pontes de vehículos clásicos superou as expectativas e logrou reunir a preto de 300 vehículos, uns 70 máis que o ano pasado, chegados de toda Galicia, Asturias, León, Barcelona ou Madrid.

Ponteses e visitantes tiveron a oportunidade de contemplar, na exposición na Praza do Hospital, Praza do Carme e Avenida de América ou no seu paseo polo pobo, auténticas xoias da automoción, tanto de produción nacional como de importación.

"Tivemos moitos coches interesantes e importantes", explica Manuel Bouza, Cholo, un dos organizadores deste gran evento, no que se distinguiu ao vehículo máis antigo, ao chegado desde máis lonxe ou ao máis orixinal, entre outras categorías.

O Concello e a Asociación de Clásicos das Pontes sumaron esforzos para que a segunda edición desta concentración fose un éxito, incorporando importantes novidades, como a ampliación da cita ao sábado e a apertura dun espazo de compravenda. Ofertábanse máis dunha vintena de vehículos e tamén pezas e recambios que non sempre son fáciles de atopar.

O que se se repetiu foi a comida de confraternidade no Lago das Pontes, á que asistiron preto de 500 persoas. Moitas delas desprazaron ata alí os seus vehículos, convertendo a zona de aparcadoiro deste espazo nun completo mostrario de décadas de evolución do automóbil.

Comentarios