Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Unha igrexa real para un Guitiriz posible

A igrexa, coa ábsida aínda visible. EP
A igrexa, coa ábsida aínda visible. EP

Este mércores, 22 de agosto, cúmprense 50 anos da consagración da igrexa do Sagrado Corazón de María, una efeméride que se conmemora cunha misa ás 20.00 horas, oficiada polo bispo Luis Ángel de las Heras con varios actos máis ao longo deste ano.

"Guitiriz (de nuestro corresponsal). A las cinco de la tarde del martes, el obispo de la Diócesis de Mondoñedo-El Ferrol procedió a la consagración de la nueva Iglesia de Guitiriz, bajo la advocación del Sagrado Corazón de María". Así comezaba a noticia coa que El Progreso daba conta do acto presidido polo bispo Jacinto Argaya Goicoechea o 22 de agosto de 1968. A bendición do novo templo da parroquia de San Xoán de Lagostelle culminaba un proxecto impulsado máis de dúas décadas atrás polo párroco Manuel Bande, tamén presente neste sinalado día.

A igrexa, sen campanario. EPO cura, natural de Melide, fixérase cargo da parroquia en 1938,en plena Guerra Civil. Durante eses primeiros anos, a vila estaba chea de xente mobilizada polo campo de aviación, que se sumaba aos habituais veraneantes que acudían en boa parte atraídos polas augas mineromedicinais. A igrexa de San Xoán facíase pequena para as celebracións dominicais e, co convencemento de que Guitiriz seguiría medrando, mesmo ata chegar a ser unha cidade, Bande veu necesario construír unha igrexa máis grande para acoller todos eses futuros fregueses.

Formou unha comisión de veciños para impulsar a obra e falou co arquitecto da Deputación de Lugo,  Luis Pérez Barja, quen declinou facer a obra polo traballo que tiña. Apareceu entón Manuel Andrés Reboredo, un arquitecto asentado na Coruña que veraneaba en Pardiñas e que aceptou a proposta.

Porén, segundo recolle Eduardo Pérez Baamonde no artigo La iglesia nueva de Guitiriz ¡Más de mil horas de jornal! (Separata de Estudios Mindonienses 4, 1988), este "solo realizó los planos imprescindibles, planta, alzado y fachada, para comenzar la obra", polo que todo o peso real da construción recaería no propio Manuel Bande —recibiría axudas puntuais de Pérez Barja ou do construtor local Amador Vázquez—, que buscaría inspiracións do máis diverso para deseñar un templo único.

As obras comezaban no ano 1946 e déronse por rematadas en 1983, cando se finalizaba o campanario

A igrexa ten planta de cruz latina e unha sorte de nave lateral que fai as veces de capela e na que hoxe se celebra a misa de diario. Ademais da porta principal, á dereita da fachada hai unha lateral que ofrece un acceso independente ao baptisterio, seguindo a tradición de ter dúas portas: unha para a entrada dos cristiáns e outra para a dos que se fan cristiáns.

A estrutura orixinal do templo hoxe non se pode apreciar completamente xa que partes fundamentais coma a ábsida permanecen ocultas polos edificios adxacentes que se foron construíndo, coma o salón parroquial ou a casa das relixiosas, chegadas a Guitiriz nos anos 80. O que si incluía dende o comezo o proxecto de Manuel Bande era a casa reitoral, localizada nun dos laterais e preto da que se colocaría en 1988 un busto na súa honra, elaborado no taller de Mallo, en agradecemento á construción da igrexa e aos seus 50 anos de servizo en Guitiriz.

A igrexa aínda sen cúpula. EPAdemais dos labores de mantemento, o templo apenas experimentou grandes cambios dende que se dera por rematada a obra hai pouco máis de 30 anos, na década dos 80. A novidade máis importante produciríase na última década, coa substitución dos vellos ventanais por vidreiras.

As obras da popularmente coñecida como igrexa de Santa María ou igrexa nova de Guitiriz iniciábanse no ano 1946 no hoxe céntrico Campo da Feira de Guitiriz. O bispo da diócese de Mondoñedo Ferrol, Fernando Quiroga Palacios, pouco antes de ser nomeado arcebispo de Santiago —dise que recibiu a noticia xusto cando estaba en Guitiriz— foi o encargado de bendicir a colocación da primeira pedra, na mesma xornada na que tamén se encargaba de inaugurar a nova igrexa do Balneario de Pardiñas.

O acto de consagración, o 22 de agosto de 1968, contou coa presenza do bispo, numerosas autoridades e multitude de veciños

O elevado custo do ambicioso proxecto ideado por Manuel Bande fixo que as obras se demorasen no tempo e tería que transcorrer ao redor dunha década para lograr que a obra pasase dos cementos, e outro tanto tempo para poder ver o proxecto materializado, aínda que non rematado. E é que cando se consagrou a igrexa aínda faltaba por construír o campanario, que non se remataría ata 15 anos despois, en 1983.

O financiamento foi do máis diverso e Bande chamou a numerosas portas en Lugo, Santiago ou Madrid, obtendo incluso, segundo di Pérez Baamonde, unha subvención ministerial que se concedía para a construción de templos dunhas 300.000 pesetas.

Leváronse a cabo tamén numerosas iniciativas a nivel local, coma a venda de boletos—pedíase unha limosna de cinco pesetas nunha papeleta cun debuxo da igrexa feito polo arquitecto Reboredo— cos que se sorteaba veranear gratis en Guitiriz no ano 1947. Noutra ocasión montouse unha tómbola nas festas de San Xoán e tamén se rifaría un coche, que se exhibía nas feiras e festas, transportando nel aos rapaces que vendían as papeletas.

Eduardo Pérez explica que Bande non deixou constancia nos Libros de Fábrica dos gastos xerados pola construción, pero plasma comentarios que se lle atribuían ao párroco sobre os custos do proxecto. Os xornais pasarían de 35 pesetas nos inicios da obra a unhas 300 cando se consagrou e a 3.000 cando se deu por finalizada nos 80.

Na construcción aproveitouse a pedra da antiga capela de San Blas e extraeuse moita das canteiras de Mariz

Estímase que o orzamento total rondou os seis millóns e medio de pesetas, aínda que case a metade, uns tres millóns, serían os que se destinaron só a rematar a torre do campanario.
A maior parte da pedra procedía das canteiras da parroquia de Mariz, aínda que tamén se aproveitaría a da capela de San Blas, un templo ruinoso que se atopaba no camiño da Torre. O altar maior foi fabricado en Vigo e doado por José Ramilo Fernández, propietario das canteiras de granito verde escuro de Belote e que tiña moito aprecio por Guitiriz. 

Obras na fachada.EPA construción da igrexa trouxo consigo o desenvolvemento urbanístico da zona, pois o Concello apostaba en 1963 por habilitar a actual Rúa da Deputación para unir o novo templo coa Nacional VI. Ademais, no Campo da Feira tamén se edificaba a nova praza de abastos, un inmoble xa desaparecido, e o parque infantil. E fose premeditadamente ou froito da casualidade, a inauguración dunhas e doutras obras apenas se diferenciou nuns días daquel mes de agosto de 1968.

Se o 22 se bendicía a nova igrexa cunha gran celebración, o 25 Guitiriz volvía protagonizar unha gran festa coa inauguración da citada rúa e dos novos servizos no Día da Provincia, unha festa itinerante anual promovida pola Deputación de Lugo.

Segundo contaba El Progreso, hai 50 anos practicamente todo Guitiriz se deu cita na bendición do templo, que comezaba cun percorrido ao redor da igrexa "rociándola con agua gregoriana". O bispo Argaya Goicoechea consagraría o altar maior e o alcipreste López Galúa facía o propio co do Santísimo. Ambos, xunto a Manuel Bande, cocelebraron a misa. O arquitecto Manuel Andrés López Reboredo e o alcalde de Guitiriz, Carlos Tomé, acompañados das súas donas, foron os padriños. 

A Escolanía de Bazán actuou nunha celebración á que tamén  asistiron o gobernador civil da provincia, Eduardo del Río, ou o presidente da Deputación, José de la Torre Moreiras. O acto "resultó muy brillante" e nel "recibió comunión prácticamente todo el pueblo de Guitiriz". E tamén, segundo recollía a prensa da época, houbo un refrixerio na casa reitoral e na praza celebrouse "una monumental verbena".

Hoxe mércores 22, medio século despois dese momento, será o bispo Luis Ángel de las Heras o encargado de oficiar a misa de aniversario.

Consagración 22 de agosto de 1968
Día da consagración. EP
O bispo Argaya Goicoechea foi o encargado de bendicir e consagrar a no igrexa baixo a advocación do Sagrado Corazón de María nun multitudinario acto. A acta asinose sobre o altar maior, onde se arquivou.
Maqueta Presentación in situ
Maqueta. EP
O día da colocación oficial da primeira pedra, o bispo Quiroga Palacios puido comprobar in situ como sería a futura igrexa grazas á maqueta do edificio elaborada por alumnos da Escola de Artes e Oficios da Coruña, onde aínda se conserva.
Capela de San Blas Reutilización da pedra
Collendo pedra na capela de San Blas. EP
Para a construción da igrexa nova aproveitouse a pedra da vella capela de San Blas, transportada en carro polos veciños tras un chamamento do cura. "Más de cien carros del país transportan la piedra de San Blas", titulaba unha noticia de El Progreso que daba conta do feito.
Construción 37 anos en obras
Interior en obras. IESCHA
As obras da igrexa nova de Guitiriz iniciaronse en 1946 e non rematarían ata 1983, cando se finalizou o campanario. O párroco Manuel Bande, cuxo sepulcro está na nave central da igrexa, falecía en 1988, tras 50 anos como cura de Guitiriz, polo que puido ver culminado o seu gran proxecto.
Actos Exposicións e libro
Inauguración da exposición na igrexa de Santa María de Guitiriz. C.PÉREZ
Ademais da misa conmemorativa deste mércores, os actos conmemorativos inclúen unha exposición pictórica, con distintas perspectivas do templo, obra de María José Rodríguez, que tamén está a escribir un libro sobre a igrexa. No interior tamén se poden ver fotos antigas da construción, entre as que ademais o público poderá votar para elixir a súa favorita e que estas se expoñan de forma permanente. Prepárase tamén un documental sobre a construción e estrearase un via crucis  

Unha igrexa real para un Guitiriz posible
Comentarios