A igrexa de Vilalba precisa arranxos na cuberta e no coro

O párroco Juan Pablo Alonso quere poñer en marcha o reloxo das torres e acondicionar estas estruturas para que poidan ser visitables
Igrexa de Santa María de Vilalba. C.PÉREZ
photo_camera Igrexa de Santa María de Vilalba. C.PÉREZ

O párroco Juan Pablo Alonso Rolle, un dos integrantes da Unidade Pastoral de Vilalba, avanzou que dende a parroquia vilalbesa xa iniciaron os contactos con distintas institucións para levar a cabo un importante proxecto de resturación na igrexa de Santa María. A intervención incluiría a mellora da cuberta e das dúas torres das campás da fachada do templo, elementos que se están a ver afectados pola humidade e as goteiras.

A actuación non ten aínda un orzamento definido, segundo precisou o sacerdote vilalbés, aínda que é consciente de que este será moi elevado, tanto pola envergadura da obra como polas particularidades da intervención, que se prevé a longo prazo.

Alonso Rolle detallou que a restauración dos campanarios e da cuberta nesa zona é imprescindible para mellorar a seguridade deste espazo. Ademais, de cara ao futuro, a rehabilitación destas emblemáticas estruturas, que son un sinal de identidade de Vilalba, posibilitaría que poidesen estar abertas ao público e recibir visitas.

O proxecto de acondicionamento da igrexa de Santa María incluiría tamén a restauración do antigo coro, localizado sobre a entrada do templo, por onde se accede á nave principal. A estrutura, construída en madeira, precisa unha intervención xa que se está a ver afectada polas humidades que tamén perxudican as torres, nas que se vén de instalar un sistema para poder tocar as campás cun control remoto.

O párroco vilalbés xa se puxo en contacto con Patrimonio para solicitar os permisos para esta actuación e trata de definir os custos para logo poder solicitar axudas e obter fondos.

Juan Pablo Alonso precisou tamén que xa contactou co Concello de Vilalba para estudar a posibilidade de darlle corda ao histórico reloxo que preside unha das torres da igrexa, que está datado no ano 1912. De comezos de século XX, concretamente de 1914, data tamén o órgano neoclásico que se conserva no interior da igrexa, nas inmediacións do coro.

Comentarios