Descubre o recuncho de Lourdes Abuide

Igrexa de San María de Cirio: unha illa de verdes e de grises

O templo medieval, o máis antigo de Pol, é un lugar onde a tranquilidade se mestura coa historia
Igrexa de Cirio. C.PÉREZ
photo_camera Igrexa de Cirio. C.PÉREZ
Localización
Chégase logo de percorrer uns 500 metros dunha sinuosa estrada polo medio das casas, dende que se deixa a LU-760 —vai da N-640, preto de Rozas, ata Rioxoán (Pol)—. O desvío, no que hai un sinal de Cirio, atópase á man dereita, logo de pasar o p.k.5 (indo cara a Mosteiro).
Historia
Data de finais do século XII ou comezos do XIII. De estilo románico, é a máis antiga de Pol e conserva os muros laterais orixinais. A fachada foi restaurada.
Detalles
Na parede lateral da igrexa consérvase un reloxo de sol de 1883. Tamén hai unha inscrición no lintel da fachada e, no contorno, atópanse unha vella pía e unha mesa pétrea.

Fachada da igrexa de Cirio. C.PÉREZ
Fachada da igrexa de Cirio. C.PÉREZ

"O meu lugar favorito é a igrexa de Santa María de Cirio, unha igrexa románica preciosa co seu adro en verde onde tamén se conserva a pía bautismal", asegura do templo da súa parroquia a xornalista e profesora Lourdes Abuide, que xestiona Casa Chaín, un espazo de dinamización rural creado na centenaria casa que foi da súa avoa. Resulta doado entender as súas razóns.

Exterior da igrexa. C.PÉREZ
Exterior da igrexa. C.PÉREZ

A edificación que conta a súa vida en séculos érguese no centro dunha illa verde perimetrada por un vetusto muro que marca a fronteira entre herba e asfalto. E entre eses infindos matices de grises das pedras, "só se oen os paxaros e o ruído do vento", di Lourdes, facendo fincapé en que, neste tempo primaveral "a folla nova dálle unha cor verde relucente que fai do contorno un lugar ideal para pasar a tarde contemplando a natureza".

Antiga pía bautismal. C.PÉREZ
Antiga pía bautismal. C.PÉREZ

Un bo plan ao que sen dúbida contribúe que este sexa, en palabras de Lourdes, "un lugar de contemplación e de sosego como poucos no concello de Pol", no que un vello reloxo de sol pode marcar as horas... só se se quere.

Reloxo de sol no lateral da igrexa de Cirio. C.PÉREZ
Reloxo de sol no lateral da igrexa de Cirio. C.PÉREZ

comentarios