O Iescha organizou un debate cos catro candidatos á alcaldía de Vilalba

A casa da cultura quedou pequena para acoller o numeroso público que quixo escoitar en primeira persoa as propostas dos cabezas de lista de PP, PSOE, Vilalba Aberta e BNG

Debate electoral en Vilalba. C.PÉREZ
photo_camera Debate electoral en Vilalba. C.PÉREZ

A casa da cultura quedou pequena. Non só se encheu o salón de actos senón tamén a sala anexa, onde os presentes podían seguir o que acontecía a través dunha pantalla de televisión. O debate entre os catro candidatos á alcaldía de Vilalba organizado polo Iescha foi todo un éxito, mesmo antes de comezar.

O xornalista Baruk Domínguez, que fixo unha pequena semblanza de cada candidato antes de comezar, foi o encargado de moderar as intervencións, definidas por sorteo e que contaron cun minuto inicial e outro final para cada cabeza de lista, ademais de tres bloques temáticos (servizos públicos, modelo de vila/concello que defenden e o día despois das eleccións) nos que presentar as súas propostas ou cuestionar as dos demais.

No minuto inaugural, todos agradeceron a asistencia do público e a iniciativa do Iescha por promover este debate.

O veterano cabeza de lista do PP, Agustín Baamonde, do que Domínguez destacou a afección aos paseos nocturnos cos seus cans ou o chegar a saber a Ilíada de memoria, foi o primeiro en tomar a palabra para agradecerlles a todos os presentes a participación na "festa da democracia", destacando que se presenta porque o partido confía nel e "por convicción", e lembrando que está avalado pola súa "ampla traxectoria" pero, sobre todo, por "un bo equipo e un bo programa".

Afeccionado aos bombóns e ás novelas de vaqueiros e famoso pola súa barba, o cabeza de lista debutante polo BNG, Vítor Rei, quixo destacar que esta era a primeira vez que se usaba a casa da cultura para un acto político, xa que a normativa vilalbesa impide usar locais públicos para eventos deste tipo.

A socialista Elba Veleiro, á que lle gustan as artes, viaxar, os deportes e, sobre todo, xogar coas netas, defendeu "a vontade, o traballo e a boa xestión" do seu equipo para converter o concello nun "referente".

Lectura, música e deporte ocupan o tempo libre do clarinetista Modesto Renda, candidato de Vilalba Aberta, que avogou por "un novo proxecto común para a veciñanza" que defina "a Vilalba que queremos ser nos próximos dez anos".

BLOQUE 1. Servizos públicos

A candidata socialista centrouse en destacar as carencias de servizos básicos, como a inexistencia dun centro de día, os problemas do SAF ou de Madrugadores. Defendeu a necesidade de ter un horario de atención ao público e máis transparencia, e incidiu na necesidade de dotar de máis servizos o rural, lembrando unha proposta súa que foi rexeitada polo goberno popular: crear un centro de persoas que vivan soas.

Renda avogou pola remunicipalización dos servizos sempre que sexa posible e, de non selo, mellorar a xestión e as prestacións. Tamén avanzou o desexo de solicitar unha auditoría externa e criticou que os maiores do municipio tivesen que ir aos centros de día doutros concellos. Ademais, asegurou que os  veciños están "bombardeados" por taxas e impostos, un "sacrificio" que permitiu axustar as contas municipais,

O cabeza de lista popular defendeu o "nivel altísimo" de prestacións do concello e asegurou que se creará unha concellería da terceira idade, que se descentralizarán servizos para atender á xente nas casas e se impulsará o centro de día. Ademais falou de crear un transporte público municipal e outro escolar. Lembrou ademais que se acadou a "débeda cero"

Rei destacou a necesidade de buscar a xestión directa de servizos, coma a recollida do lixo, sobre todo ante o incumprimento dos contratos, ou do  SAF,  solucionar os problemas de verquidos ao río, potenciar a separación da rede de pluviais e fecais e buscar solucións para a escaseza de auga. Tamén explicou que apostaría por unha programación cultural estable, máis apoio para o Mupav e as asociacións, pola creación dun consello municipal de cultura e porque sexa o Concello o que organice as patronais de San Ramón e Santa María. 

Público ante a pantalla habilitada para seguir o detabe. C.PÉREZ

BLOQUE 2. Modelo de vila/concello

O candidato de Vilalba Aberta asegurou que consignaría 128.000 euros para apoiar aos emprendedores e para fomentar o retorno da xente nova que tivo que marchar e defendeu a creación dun plan forestal para que o monte sexa produtivo dunha maneira sostible, así coma a implantación de ciclos formativos acordes á realidade do concello.

Vítor Rei ve "clave" unha planificación urbanística da que Vilalba carece e dispoñer do PXOM, así como recuperar o plan de protección do casco histórico que nunca chegou a pórse en marcha. Un plan de mobilidade urbana sostible, con máis zonas peonís, e incentivar o comercio de proximidade son algunhas das súas propostas, xunto coa descentralización dos servizos ou a creación dun departamento de medio ambiente para colocar Vilalba "na vangarda" da loita contra o cambio climático.

Baamonde cre necesario cambiar a estrutura produtiva para xerar riqueza e para iso defende o impulso do polígono. No rural quere mellorar o transporte ou a sinalización e dotalo de banda ancha.

Veleiro, que salientou o "grandísimo patrimonio" co que conta Vilalba, defendeu a posta en marcha dun plan de estradas municipais a longo prazo, que permita acondicionar todas as vías con aglomerado. "O que queremos é que os viallbeses se sintan orgullosos", dixo.

BLOQUE 3. Que pasará o día despois?

Elba Veleiro asegurou que o luns estará no seu posto de traballo, no centro de saúde, e amosou a súa disposición a falar cos representantes escollidos polos veciños, comprometéndose, de ser elixida alcaldesa, a ser "totalmente transparente" e a tratar "con igualdade" a tódolos cidadáns.

O cabeza de lista do BNG asegurou que dos dous posibles supostos, que o PP teña ou non a maioría absoluta, séntese máis "optimista" con que se dea o segundo deles e amosouse aberto a dialogar para ofrecer "unha alternativa plural". "O pobo ordena, se o pobo non lle dá a maioría absoluta ao PP, entenderemos a mensaxe", asegurou, engadindo que "o BNG non permitirá que o PP siga gobernando na nosa vila".

Modesto Renda amosouse contrario ás promesas de campaña e lembrou que Vilalba Aberta adquiriu dez compromisos con diversas medidas. Incidiu ademais en que o único escenario que contempla é aquel no que o PP non gaña a maioría absoluta, xa que "sen a ambición política de gañar, non pode haber un proxecto político serio"  De ser a segunda forza, falaría para pactar un programa de goberno estable e non só a investidura e, de ser a terceira, a súa única "liña vermella" sería que se chegase a un acordo en base a un programa, fose para gobernar ou só para a investidura.

"Sexa quen sexa o alcalde, que goberne polo futuro de todos nosoutros", aseverou Baamonde antes de manifestar que ve "seguro" que o PP conserve a súa maioria absoluta. E de ser así, poñerase a traballar para mellorar instalacións deportivas, peonalizar Santa María cunha alternativa para aparcar, rebaixar taxas ou ofrecer locais ás asociacións.

Ao longo do debate, os tres partidos da oposición criticaron a Baamonde o que seguise a promover cousas que, tras 40 anos gobernando, xa tiñan que estar feitas, coma o centro de día, ou que rexeitase ideas da oposición que agora incorpora como propias. Pola súa banda, Baamonde lamentou que fosen "todos contra un" e que se centrasen en criticar no canto de facer propostas, dubidando de que poida chegar a haber un acordo vistas as discrepancias amosadas nestes últimos anos no pleno entre as distintas forzas políticas.

Público no debate electoral celebrado na casa da cultura de Vilalba. C.PÉREZNo minuto de ouro final, Vítor Rei defendeu que o "urbanismo ten ideoloxía", que a rehabilitación arquitectónica e patrimonial posibilita un desenvolvemento económico e a necesidade de revalorizar as riquezas tradicionais. Agustín Baamonde amosou  a súa querencia polo pobo "no que vivo e co que me sinto identificado", Modesto Renda, o único que non pediu o voto, animou ao público a ler e comparar os programas e Elba Veleiro lamentou a falta de autocrítica do goberno popular e lembrou que hai "alternativa". "As urnas están baleiras", asegurou. 

Intentos frustrados
O debate de Vilalba foi o único que chegou a materializarse, pero foron máis os propostos. Así, dende a nova formación Galicia Sempre de Meira intentaron promover un coloquio entre os candidatos. Segundo expuxeron, PP e BNG aceptaron, pero non houbo resposta por parte do PSOE. De igual xeito, o BNG de Guitiriz renunciou a promover un, logo de obter só confirmación por parte de Converxencia Galega.

Comentarios