A I Toma Cultural de Caldaloba loita polo futuro da torre con versos

Tres colectivos promoveron un acto ao que asistiron unhas 60 persoas de distintos lugares

Asistentes á toma cultural de Caldaloba. C. ARIAS
photo_camera Asistentes á toma cultural de Caldaloba. C. ARIAS

Ao redor de 60 persoas chegadas dende distintos lugares de Galicia participaron este domingo na I Toma Cultural de Caldaloba, un evento simbólico no que as armas foron os versos e a palabra.

A cita, promovida polos colectivos Lareira de Soños, Culturalia GZ e a asociación de veciños de San Martiño de Pino, nace co obxectivo de "poñer en valor e dar a coñecer o que temos" e "esixir que non se deixe deteriorar un emblema da historia de Galicia", como destacou Moisés Paz, o presidente do colectivo veciñal, e coa vontade de repetirse cada ano. "Para reivindicar a torre e o patrimonio en xeral nun acto reivindicativo", indicou Antón Tenreiro, o presidente de Lareira de Soños.

"O Concello está intentando a compra ou conseguir unha cesión da torre e ese sería un primeiro paso para intervir", apuntou o presidente dos veciños de Pino, que asegurou que Caldaloba é un reclamo para os visitantes. "Vén moita xente vela", indicou.

O acto comezou cunha camiñada dende a asociación de veciños de Pino ata a torre, nunha subida polo que foi o antigo castro no que se asentou a fortaleza, que foi "tomada culturalmente falando". Tras unha breve presentación, o poeta vilalbés Martiño Maseda "convocou a palabra" nun manifesto literario de Caldaloba, que definiu como "un símbolo da resistencia".

Despois da súa intervención, recitaron versos Branca Villar, Xesús Trashorras e José Carlos Ulloa, e Ana Mar Fraga Rábade fixo unha aproximación histórica do lugar e dunha torre que foi dos Condes de Lemos primeiro e do Mariscal Pardo de Cela despois, e o sitio no que se acubillou a súa filla, Constanza, e o seu marido, Fernando de Ares.

"Aquí resistiron entre once meses a un ano. Bebían dun alxibe e non morreron no fragor dunha batalla. El sobreviviu pero ela morreu envelenada. Preferiu morrer que deixarse asoballar ante Castela", apuntou Fraga Rábade, que explicou que na actualidade a torre é de propiedade privada.

Ao ritmo do himno de Galicia os asistentes despediron a primeira parte da Toma Cultural de Caldaloba, que continuou cunha comida de confraternidade no local social de Pino. Alí, Adolfina Mesa leu "un manifesto artístico" e Ana Mar Fraga Rábade aportou algún dato histórico máis tralo que Miguel Melero entoou unha canción que compuxo para a ocasión.

Comentarios