Homenaxe ao rico manxar pontés

A parroquia pontesa do Freixo volveu encherse de xente cunha festa que cada ano ten máis adeptos e que repartiu 5.000 freixós

A parroquia pontesa do Freixo, unha das máis castigadas do concello polo despoboamento rural, rendeuse ao seu homónimo -pero con til- na cociña e volveu encherse de xente disposta a homenaxear e, sobre todo, a saborear, o rico manxar pontés.

A oitava Festa do Freixó, unha cita á que non se lle paran de sumar adeptos, repetiu un novo éxito e congregou a 450 comensais baixo a carpa instalada para a ocasión. "É o tope, xa non colle máis xente, aínda que quixesemos non se pode ampliar porque o campo da festa limítanos", dicía Olalla Ramil, a presidenta da asociación de veciños do Freixo, promotora da cita, mentres apuraba os últimos detalles para que cada un ocupase o seu lugar nas longas mesas.

"É un éxito, outro máis", dicía a moza cun sorriso, mentres sinalaba o segredo: "Creo que a xente queda moi contenta coa comida e iso inflúe en que repitan dun ano para outro".

Esta vez a empanada, o cocido, requeixo e mel e chocolate e nata foron os acompañamentos do protagonista verdadeiro sobre o mantel, o freixó, que enchía todos os pratos.

A xigantesca freixoeira municipal, na que traballaron desde as 7.00 ás 14.30 horas un total de doce persoas, elaborou uns 5.000 freixós; todos para a comida, porque non se vendían aparte. "A idea é que a xente quede", explicaban os creadores dun dos manxares ponteses por excelencia mentres elaboraban as últimas unidades e a carpa sentía case como unha sauna.

"Calor vai moito, menos mal que de vez en cando chega unha brisilla", dicían os cociñeiros, que aparecían e desaparecían entre o vapor que soltaba un ferro de oito metros de lonxitude e con capacidade para facer 54 freixós á vez, mentres non deixaban de voltealos un por un.

¿A receita? "A de sempre", dicían os cociñeiros e soltaban cifras que se miden sempre por cubos xigantes e ingredientes que se baten cun enorme dispositivo deseñado cun trade que pode con todo: 50 litros de auga, 24 quilos de fariña, sete litros de leite, sal e 84 ovos.

"A freixoeira participa en tres grandes citas: na Feira do Grelo, na do Queixo e o Mel de Goente e nesta, pero aquí o freixó é o gran protagonista", dicían con certo orgullo minutos antes de que a xente sentase a degustar o rico manxar, mentres se escoitaban os ritmos do trío Antha, que amenizou a sesión vermú.

Os coches invadían cada recuncho e o corazón do Freixo volveu revivir con forza. Así, unha das parroquias máis grandes das Pontes, que só suma 60 habitantes segundo os últimos datos do Ige, demostrou que o rural existe e ten vida.

Comentarios