Historias dunha parroquia

A vilarega Pastora Veres autoimpoñíase en 2014 a difícil tarefa de recompilar a historia, e sobre todo as diferentes historias, da súa parroquia natal. No outono de 2020, finalmente verán a luz as mási de 400 páxinas do libro Lareira de soños
2020081518332978908
photo_camera Pastora Veres, na entrevista a Sara das Reixas. LAREIRA DE SOÑOS

A dedicatoria en 2014 do Día das Letras Galegas ao poeta vilarego Xosé María Díaz Castro poñíalle o broche de ouro ás reivindicacións feitas ao longo dos anos para pór en valor e dar a coñecer a importante obra do poeta das cousas pequerrechiñas e daba pé a un sinfín de iniciativas culturais e sociais. Entre elas, a doutra vilarega a quen todas estas lembranzas lle trouxeron á memoria unha vella encomenda de Manuel María.

Na primeira Romaría Labrega da Chaira dos Vilares, o escritor estivera presente para inaugurar unha mostra de fotografías antigas e abogara por conservar e darlle voz a eses valiosos recordos. Máis de dúas décadas despois, Pastora Veres quixo asumir o reto como propio e comezou a ardua, aínda que gustosa, tarefa de darlle forma a Lareira de soños.

Seis anos e máis de cen entrevistas despois, o libro está a piques de facerse realidade, publicado por Fervenza, cun prólogo do xornalista con raíces vilaregas Man Castro, e grazas á colaboración da Dirección Xeral de Política Lingüística, da Deputación de Lugo, do Concello de Guitiriz e de Gadis.

Todas esas conversas que Pastora mantivo cos veciños da parroquia, para recompilar historias do día a día, relatos, anécdotas ou sucesos contados polos seus protagonistas, sumáronse á igualmente inxente recollida de fotografías e documentos que serven de testemuño gráfico de moitos dos feitos relatados.

Son máis dun cento as imaxes, moitas antigas, a maioría en branco e negro, que se escolmaron para a publicación, pero o arquivo é moito máis amplo, polo que nun futuro non descartan depositalo -por exemplo na casa de Díaz Castro se se rehabilita- para que quen o desexe poida consultalo.

Hai datos históricos da parroquia tamén, como non podía ser doutra maneira, pero tamén ten moito peso a visión da propia autora, unha vilarega máis que se suma ás moitas historias narradas polos protagonistas dun libro coral, onde os testemuños recabados teñen aínda máis valor se se ten en conta que se trata de xente maior, algunha dela xa desaparecida.

É por iso que é difícil encaixar Lareira de soños nun xénero concreto ou porlle unha etiqueta. Bebe das fontes do ensaio, da investigación, do xornalismo e ata é unha obra poética, pois inclúe algunhas composicións de integrantes da Nova Poesía Guitirica, outra das iniciativas xurdidas a partir daquel 17 de maio no que se lembrou ao poeta dos Vilariño.

O froito destes seis anos de traballo verá a luz no outono, nunha edición conxunta co documental Entrar aos Vilares, dirixido por Cibrán Tenreiro e presentado xa no ano 2017, logo de xurdir como un proxecto complementario ao libro. Non é un resumo deste, nin moito menos, senón que ofrece as impresións que deixa a parroquia dos Vilares en tres rapaces completamente alleos a ela.

Esta historia de historias que é Lareira de soños, que fala dos Vilares, recordando por exemplo os seus célebres trapeiros, pero tamén dun xeito de vida e dunha realidade común a boa parte do rural galego, presentarase publicamente en Guitiriz. E Pastora Veres poderá entón compartir coa veciñanza a historia dun recuncho chairego, a dos Vilares, a súa historia.

Comentarios