"Gústame romper esa imaxe de que só hai mentes brillantes nas ciencias"

A Samuel Pena diagnosticáronlle síndrome de Asperger en 2º de Eso. Moito traballo e esforzo despois, logrou matrícula en bacharelato no IES Trapero Pardo e vén de sacar un 13,4 na Abau
Samuel Pena, na súa casa. S. IGLESIA
photo_camera Samuel Pena, na súa casa. S. IGLESIA

A Samuel Pena se hai algo que lle gusta é escribir; un pouco de todo, pero escribir. El fai cinsas así o estereotipo que reduce aos cerebros máis sobresaíntes a dedicarse case en exclusiva ás ciencias, e iso agrádalle. "Gústame romper esa imaxe que se dá nas series ou películas de que só hai mentes brillantes nas ciencias puras, dedicándose ás matemáticas, á química, á robótica; tamén as hai na pintura, na literatura, na arte", sostén Samuel, un rapaz de Pino, en Cospeito, que vén de sacar un 13,42 sobre 14 nas probas da Abau. Iso, logo de acadar matrícula de honra no bacharelato, cunha nota media de 9,81, no IES da Terra Chá José Trapero Pardo de Castro de Ribeiras de Lea.

A este mozo de 17 anos diagnosticáronlle síndrome de Asperger -dentro do Trastorno do Espectro Autista (Tea)- e déficit de atención cando cursaba 2º de Eso, unha realidade ata entón descoñecida que, tal e como recorda, supuxo "un choque para algúns dos profesores que xa me coñecían e que non crían que se puidese tratar de Asperger" e que o leva a ser "máis recto nalgúns aspectos".

A constancia e altas doses de esforzo deron como froito unha nota que, aínda que confiaba que fose alta, non se imaxinaba canto podía ser e que agora lle abre as portas de practicamente calquera grao. Pero teno claro. "Vou facer Lingua e Literatura Españolas", aínda que nun principio quería dedicarse a pintar, "pero axiña me din conta de que iso non era o meu", e logo pensou en facer Historia. Caeu en que o del era Lingua e Literatura porque ao que se quere dedicar é á escritura. "Dedíqueme ao que me dedique, sei que sempre vou escribir aínda que só sexa como "hobby". Tamén me gustaría traballar nunha editorial, sería unha maneira de aprender e de estar o máis preto posible do que me gusta", explica Samuel ao tempo que matiza que "un non estuda só para acabar tendo un traballo que o faga feliz, senón que eu estudo porque me fai feliz, por iso teño que dalo todo", sen importar que o seu 13,42 estea moi por riba da nota de corte do grao escollido.

VISIBILIZACIÓN. Tras rematar a educación obrigatoria no CPI Virxe do Monte e pasar ao instituto de Castro, onde recoñece terse sentido "moi a gusto" e a cuxos docentes lles agradece que se "molestaran en ver as miñas necesidades", Samuel enfrontouse a tres semanas de organización dos temas, moitas horas de estudo e descansos necesarios para encarar unhas probas que fixo en Lugo, pero para as que estivo a piques de ter que desprazarse a Pontevedra.

O motivo, explica, foi que dende a Ciug consideraron que precisaba unha persoa de apoio para realizar os exames, aínda que o único imprescindible para el era un ordenador portátil -"porque escribo moi lento", aclara- e un pen ou un método de impresión. Neste sentido, engade que segue sendo necesario dar pasos cara á visibilización de determinadas afeccións que non se ven, como é o caso da Tea. "Hai cousas que se non as ves, é máis complicado empatizar", di.

Mentres se achega unha nova etapa que agarda con ansia, pese a que recoñece que botará de menos os seus, Samuel dedicarase a descansar e a entregar o seu tempo á tarefa que máis lle gusta que llo roube: escribir relatos curtos, un por semana.

Comentarios