Guitiriz valoriza a torta de millo cun día de festa

A xornada de exaltación contou con degustación e venda con David, La Esquina e Gómez, musica, artesanía e obradoiros
Postos de venda do producto estrela. CRISTINA PÉREZ
photo_camera Postos de venda do producto estrela. CRISTINA PÉREZ

"Está rica, Cloe?". A pequena asente coa cabeza mentres segue a dar boa conta dun anaquiño de torta de millo. "Gústalle moito!", aseguran os seus familiares, que acudiron ata o Campo da Feira de Guitiriz para gozar da V Festa da Torta de Millo, cita organizada polo Concello e na que por primeira vez teñen presenza física, con exposición e venda, todos os obradoiros que elaboran este manxar: La Esquina, David e Gómez.

"Levamos dende 1925 e a xente valora que non leva conservantes, que é totalmente natural e tradicional, coma feita na casa, con fariña de millo, ovo, manteiga, azucre e limón", indican dende a panadería David do Curro Vello, na que só se fan tortas que xa viaxaron a lugares tan remotos como Irak, Tokio, Venezuela ou Nova York.

"É o típico de Guitiriz e é unha forma de promocionar o do pobo", engaden en David, unha idea coa que coinciden as súas veciñas da pastelería Gómez, que acudiron á cita non só coas tradicionais tortas, senón tamén coa súa nova proposta: as galletas de millo, elaboradas artesanalmente cos mesmos ingredientes e cunha forma similar.

Pola súa banda, dende La Esquina destacan non só a recuperación da cita gastronómica, senón tamén a nova data, coa idea de "sacala do verán e darlle un pouco de impulso cun programa máis completo".

E abofé que propostas hai. Á música do grupo municipal de gaitas de Guitiriz, do da Uned Sénior, da banda guiticense, de Xacarandaina e de Ses, con cuxo concerto se pechou a festa, sumaronse o fútbol no Suso Cruz, unha exposición sobre a produción e os usos do millo da man de Pepe de Pígara -recollía o "mijo", cultivo previo ao millo, variedades e ferramenta usada para sementalo, esfollalo ou debullalo-, unha mostra de artesanía e obradoiros para aprender a tecer, con Lucecús, e a facer queixo, con Vallelongo.

Este último contou con tres sesión con 25 prazas infantís que colgaron o cartel de completo. "Es un obrador participativo, como un juego, en el que los niños hacen un queso, con poca lactosa y caseina, y se lo llevan", explican os responsables do taller, que destacan que, malia ao carácter lúdico, os pequenos aprenden o que é un molde, para que se usaban os panos ou como se apreta o queixo. E tamén muxen unha vaca e tocan un piano coas letras do queixo.

Comentarios