Guitiriz empregará 240.000 euros na mellora do saneamento e da Edar

O presidente da CHMS e a alcaldesa Marisol Morandeira asinaron onte o convenio polo que o organismo se compromete a corrixir as deficiencias das obras xa executadas en 2018
José Antonio Quiroga y Marisol Morandeira, durante la firma del convenio.
photo_camera José Antonio Quiroga y Marisol Morandeira, durante la firma del convenio.

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, e a alcaldesa de strong <>Guitiriz, Marisol Morandeira, asinaron este venres o convenio de colaboración polo que se strong<> executarán novas actuacións na rede de saneamento e na Edar no municipio chairego, uns traballos para os que se destina un orzamento total de máis de 240.000 euros. Deles, o 80% sairá das arcas do Estado, a través da CHMS, e o 20% restante correspóndese co achegado pola administración local.

As obras que se contemplan neste proxecto consistirán na mellora do tramo final do saneamento do río Veiga na súa conexión coa estación depuradora de Guitiriz para evitar o seu desbordamento, así como a remodelación da obra de chegada á mesma para incorporar un pozo de grosos e un desarenador, tal e como detallan desde o organismo, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

A confederación será a encargada da licitación, adxudicación e xestión dos contratos que sexan necesarios para a execución das actuacións enmarcadas no convenio, mentres que o Concello encargarase da explotación, mantemento e conservación de xeito provisional, "ata a tramitación da mutación demanial", especifican.

Estes traballos servirán para corrixir os xa executados pola CHMS no ano 2018, cando se eliminou o colector do río Veiga, que discorría pola propia canle, e construíuse un fose do dominio público hidráulico e un tanque de tormentas á entrada da Edar xa existente.

Para Morandeira, este proxecto "incidirá directamente na calidade de vida dos veciños e veciñas de Guitiriz, mellorando un servizo tan importante como o saneamento" e agradeceu a colaboración do ente "cada vez que chamamos á súa porta".

Pola súa banda, Quiroga considerou que a colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes "de face a preservar e mellorar a calidade das augas das nosas canles fluviais".

Comentarios