A guitiricense Ana Barral debuta co poemario 'Versos do desasosego'

A editorial Toxosoutos publica a obra, que recompila 44 poemas de distintas épocas
Ana Barral. EP
photo_camera Ana Barral. EP

Unha vella arela cumprida. Iso é o que supón para Ana María Barral Rodríguez, guitiricense afincada en Lugo e profesora de galego dende hai cinco anos no IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, o atopar nos andeis das librerías o seu primeiro poemario, Versos do desasosego, editado por Toxosoutos dentro da colección Letra Inversa.

"É algo que tiña na cabeza, pero que foi quedando aí, porque escribo dende sempre, dende a adolescencencia, e tíñao aí pendente", explica Ana, á que o tempo de corentena a levou a darlle voltas á posibilidade de publicar. "Pensas nas cousas que tes sen facer e decidinme a mandarlle algo a unha editorial cando pasase o confinamento", precisa sobre unha idea que pasou a ser un feito con moita rapidez.

Púxose en contacto con dúas editoriais e ao pouco xa recibiu unha resposta positiva de Toxosoutos. Hai pouco máis dun mes, Versos do desasosego convertíase nunha realidade tanxible, mais para Ana nin sequera a satisfacción de ter o seu primeiro poemario nas mans e o ver cumprida esa "ilusión que tiña de sempre" supera o que para ela foi o momento máis bonito: "Cando me constestaron da editorial ao correo dicíndome que me publicaban", asegura.

Ana agradece o bo trato recibido durante o proceso de edición e a boa acollida que tiveron as súas propostas, especialmente o feito de que puidese ser o seu fillo, Francisco Bran Barral, o responsable do deseño da portada dunha obra que agora confía en poder presentar e compartir coa xente, se a actual situación llo permite. Lugo sería a primeira opción, pero tamén lle encantaría poder compartir os seus versos cos veciños de Guitiriz.

TEMÁTICA. "Son poemas intimistas, de sentimentos, do desasosego que provocan as cousas da vida", explica Ana sobre a inspiración que motivou uns versos que se corresponden a distintas épocas da súa vida. Algúns son recentes, outros levan anos no caixón, agardando o momento propicio para saír á luz.

A saudade, "esa compañeira rosaliana e universal", o contrapunto entre a alegría de vivir e os problemas ou cousas malas que pasan, a nostalxia daquela ilusión da infancia enfrontada co paso dos anos son as sensacións que marcan os 44 poemas do libro e que gardan a súa propia orde, unha das máis socorridas se de facer listaxes se trata: a alfabética.

E así, dende o A ata o Z, con dúas composicións por cadansúa letra do abecedario galego, Ana Barral comparte a súa alma con quen queira lela, e sentila. 

Premios infantís e máis versos 

Ana só publicara dous poemas na revista A Xanela de Betanzos. Ten material acumulado e segue a escribir, polo que lle gustaría volver publicar, mais se non acontecese, dase por satisfeita: "O ter un xa cumpriu as miñas expectativas". 
Pardiñas
Gañou premios infantís e xuvenís, entre eles un con Soia no primeiro certame de Pardiñas que convoca Xermolos.

Comentarios