O Parlamento esixe por unanimidade a continuidade do emprego na central das Pontes

PPdeG, BNG e PSdeG aprobaron unha iniciativa para reclamar ao Goberno central unha transición xusta
Sesión plenaria en O Hórreo. EP
photo_camera Sesión plenaria no Hórreo. EP

Os grupos con representación na Cámara galega —PPdeG, BNG e PSdeG— aprobaron no pleno deste martes unha iniciativa que reitera o acordo alcanzado o pasado día 16 de febreiro no Congreso dos Deputados para que se garanta o emprego na central térmica das Pontes e reivindicar unha transición xusta para a comarca de Ferrol, promovendo proxectos de futuro. 

A proposta foi defendida en forma de moción polo deputado do BNG Ramón Fernández Alfonzo, quen subliñou a necesidade de que tanto a Xunta como o Goberno do Estado "empecen a traballar na solución" da crise e a chegar a acordos, "aínda que sexan de mínimos". "Porque continuar mirando para outro lado é unha irresponsabilidade tremenda con toda a comarca", incidiu. 

E é que, conforme sinalou, mentres que Endesa "ten un plan moi detallado" sobre o que quere facer nas Pontes, "non se pode dicir o mesmo da Xunta e do Estado" que, na súa opinión, parece que están a velas vir. Por iso, incidiu na necesidade de alcanzar no Pazo do Hórreo un compromiso como o alcanzado na Cámara baixa após unha iniciativa presentada polo deputado do Bloque, Néstor Rego, e que foi apoiada por todas as formacións excepto por PNV e Vox. 

Na sesión, o deputado do PP Diego Calvo presentou unha emenda á iniciativa dos nacionalistas, aos que instou a manter o "consenso alcanzado no Congreso respecto da continuidade do emprego para os traballadores da central térmica das Pontes. "Nós seguimos defendendo a unión de todos os partidos políticos na procura do mantemento dos postos de traballo e a súa continuidade a través do traballo con biocombustibles, o que posibilitaría tamén o mantemento do emprego para as empresas auxiliares e os transportistas", sinalou. 

O parlamentario do PPdeG acusou aos nacionalistas de utilizar o Parlamento para tentar romper os acordos conseguidos no Congreso. "Menos dun mes tardan vostedes en querer botar por terra o acordo pois trouxeron aquí unha proposta distinta á que presentaron en Madrid, e iso só ten un nome: enganar", criticou Calvo nunha sesión na que finalmente os nacionalistas aceptaron a emenda do PP. 

"Trátase de matices non contraditorios, senón que o enriquecen", replicoulle o deputado do Bloque, que se abriu a aceptar a emenda do PP ao asegurar que para a súa formación "prevalece que se poñan a traballar" e que as administracións "constitúan as complicidades necesarias para afrontar unha crise de enormes proporcións". 

Pola súa banda, o socialista Martín Seco tamén mostrou o apoio da súa formación a esta iniciativa aínda que criticou a falta de accións por parte da Xunta en política industrial a pesar de que é a Administración autonómica a que ten as competencias na materia.

TEXTO APROBADO. En concreto, o texto aprobado insta á Xunta a dirixirse ao Goberno para condicionar o proceso de peche da planta a que se chegue a un acordo coa representación dos traballadores que garanta a continuidade do emprego e proxectos concretos de futuro. Así mesmo, reclama condicionar a participación de Endesa na poxa de evacuacións e novas autorizacións, concesións e adxudicacións de MW á consecución dun acordo que garanta o emprego dos traballadores da empresa principal e das auxiliares. 

"A asignación de novas instalacións de produción e enerxías renovables nas Pontes e en toda a comarca conterá, necesariamente, un proxecto de desenvolvemento económico e un plan industrial para a súa execución", sinala o texto, que tamén pide posibilitar que a concesión de acceso aos nodos de rede afectados polos peches das térmicas sirvan para incentivar a implantación de proxectos nos territorios que perden tecido empresarial e blindar o emprego nestas zonas. 

Así mesmo, esixe que se garanta a implementación de novos proxectos industriais na comarca que emanen dos convenios de transición xusta e dos plans Futur-E de Endesa; así como cumprir tanto os obxectivos como as diferentes medidas acordadas no plan de acción para as comarcas de carbón e centrais en peche. 

Por último, entre outras cuestións, reclama unha solución de continuidade industrial á central das Pontes, insta o Goberno a convocar urxentemente a Mesa de Traballo para a transición enerxética xusta e reclama a implicación tanto do Goberno como da Xunta no apoio aos proxectos para optar aos fondos Next Generation para implantar nas Pontes. Ademais, pide avanzar no convenio de transición xusta para As Pontes. 

Comentarios