O grupo vilalbés Magical Colors grava o seu segundo traballo musical

Este é o primeiro que realizan nun estudo e nel inclúen cinco temas "moi variados" que esperan publicar antes de Nadal
Integrantes de Magical Colors. EP
photo_camera Integrantes de Magical Colors. EP

O grupo vilalbés Magical Colors está inmerso na gravación do seu segundo disco, un traballo que conterá cinco temas propios e "moi variados", tal e como confirman os seus tres integrantes, que engaden que "uns falan da actualidade e outros son máis intimistas".

Marcos Maoxu, Alberto Guntín e Javi Campello explican ademais que algunhas das cancións incluídas -dúas en galego, dúas en inglés e unha en castelán- xa son coñecidas polos seguidores do grupo, mentres que outras son totalmente novas e beben da experiencia do confinamento. "Unha delas fala do comportamento da xente durante a corentena", explican, á vez que aseguran que antes da crise xa tiñan previsto sacar á luz varias. De feito, os seis concertos programados para a pasada primavera "viñéronse abaixo", a pesar de que tiveron a oportunidade de actuar desde o auditorio de Vilalba, vía streaming, nunha iniciativa do Concello celebrada en maio.

E ante a incerteza que carrexa a evolución da pandemia, polo momento os tres teñen claro que "queremos acabar de gravar este disco", o primeiro ao que dan forma nun estudo, concretamente en 8estudos, de Lugo, e logo "xa dependemos das discográficas", aínda que a súa idea é publicalo en todas as plataformas dixitais -Itunes, Youtube, Spotify, Bandcamp...- e en formato físico, previsiblemente antes de Nadal.

A esencia de Magical Colors e a súa característica psicodelia mantéñense no seu novo traballo, aderezado esta vez cun "toque de jazz", pero fuxindo de encasillarse nun estilo. "A todos nos gusta de todo, por iso cando poñemos ideas en común é un batiburrillo", confesan os tres artistas, que destacan a "paciencia" como unha das claves para que "isto saia o mellor posible".

Comentarios