O grupo de traballo das Pontes insta á Xunta a asinar "xa" o protocolo de transición xusta

Alertan que esta zona pode quedar excluída das axudas convocadas por non estar adheridos ao documento
Valentín González Formoso. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Valentín González Formoso. VICTORIA RODRÍGUEZ

O grupo local de traballo das Pontes reclamou á Xunta que firme canto antes o protocolo de transición xusta e alerta de que esta zona podería quedar excluída das axudas convocadas por non estar adheridos ao documento.

Así o comunicou o rexedor das Pontes de García Rodríguez, Valentín González Formoso, exercendo como portavoz do grupo local de traballo por unha transición xusta desta localidade, na que están presentes o Concello, con todos os seus grupos municipais, os transportistas do carbón, sindicatos, empresarios e comerciantes.

González Formoso reclamou á Xunta que subscriba o texto como máximo a próxima semana e advertiu de que non van permitir un escenario no que se poidan convocar unhas axudas para as zonas de transición e que As Pontes quede excluída" por non asinar un protocolo que "non ten nada de diferente aos que xa se asinaron en Castela-León, Andalucía, Aragón, en Cataluña ou mesmo en Asturias".

"Que se nos dunha data fixa de cando se vai a asinar o Protocolo de transición, porque pola contra poranse en risco uns fondos que son necesarios para reactivar esta comarca, xa que o noso futuro vai depender de que sexamos receptores áxiles deses fondos que están dispostos, anunciados e aprobados, cando xa hai distintos proxectos industriais e empresariais para As Pontes e que están a esperar á convocatoria desas axudas".

ATA 111 MILLÓNS DE EUROS. O colectivo decidiu solicitar á Xunta unha reunión urxente para que se aclare a disposición de 111 millóns de euros que aprobou o Estado para as dúas comarcas mineiras, As Pontes e Cerceda.

Trátase dun montante procedente de fondos europeos nos que o Goberno de Galicia vai ter "un papel protagonista, xunto ao Estado, na disposición dos mesmos". "Queremos un compromiso das dúas administracións de que van ir destinados á reactivación das dúas comarcas que sofren de xeito directo o peche das dúas centrais térmicas", engadiu..

González Formoso xa adiantou que os integrantes deste grupo de traballo teñen unha cita o próximo 18 de outubro na Delegación do Goberno, na cidade da Coruña, abordar as cantidades e as condicións para ser beneficiarios desta axuda, un encontro no que transmitirán a José Miñones "esa esixencia de compromiso con este territorio".

González Formoso tamén considerou necesario que Endesa "aclare agora cal é a situación actual da central térmica", tras coñecer a chegada nos próximos días un barco que transporta carbón destinado a este complexo.

Por iso piden á eléctrica se "isto significa algo ou é só un espellismo nun escenario de peche que está a piques de finalizar en poucas semanas".

Comentarios