O grupo meirego Voladura estrea o seu traballo 'Fulminato de mercurio'

A gravación completa presentarase este sábado, día no que ofrecerán un concerto no Sons da Bocanoite das Pontes. Os temas estarán dispoñibles en plataformas dixitais e formato físico
Concerto de Voladura o pasado ano. LAURA DOVAL
photo_camera Concerto de Voladura o pasado ano. LAURA DOVAL

O grupo meirego Voladura estreará este sábado, día 15, o seu primeiro EP (Extended Play), Fulminato de mercurio. Son seis temas en galego de puro rock moi "garaxeiro" que chega tras cinco anos de andaina e celebrando o cuarto aniversario dende que deron un concerto por vez primeira. Fora nas Meirendas de 2016.

Agora, con máis táboas sobre o escenario pero mantendo a esencia de ser "un grupo de cinco amigos" que se xunta para tocar, presentan ao mundo o seu traballo ao completo, aínda que as cancións que o compoñen xa son coñecidas para os seus seguidores. "Son temas que viñamos tocando nos directos desde fai un tempo", relata Suso López, que con Adrián Folgueira, Andrés Goteira, Adrián R. Bello e Loxo Rivas, forman unha banda con especial gusto por "tocar en lugares estraños e especialmente subterráneos", tal e como a propia Voladura se define nas súas redes sociais.

Do seu local de ensaios recén reformado xurdiu Fulminato de mercurio, un disco que "saíu de forma natural" no que se fala "de Galicia, do arraigo e do rural", resume Suso, quen engade que as letras conteñen, ademais de tintes de punk-rock, un certo humor mesturado con temas escabrosos, como pode ser a morte.

O proceso de gravación foi case un directo que se levou a cabo a finais de 2019 no auditorio Alovi de As Pontes -localidade á que están vencellados, xa que Suso reside alí-, e foi da man de Paco Jarel, que se encargou de mezclar o EP, mentres que Diego G. Cereijo deu forma á portada, un traballo co que "todos quedamos contentos", apunta Suso López. Tras ver os froitos de meses de traballo, el e os seus compañeiros prevén mergullarse o resto do ano en "avanzar en temas novos, rematar algúns que temos a medio escribir", di ao tempo que avanza que "para o ano haberá novidades". Quizais en forma de novas composicións.

E é que, aínda que non acostuman a ter un gran número de actuacións ao ano, segundo din, este 2020 preséntase con menos paradas das habituais, por iso agradecen que o Concello das Pontes e o Clavi "continúen apoiando a cultura e permitirnos seguir facendo música" coas súas iniciativas.

Este sábado, día 15, estarán en Sons da Bocanoite, que organiza o goberno local pontés, pechando a rolda de pequenos concertos de verán adaptados ao protocolo hixiénico-sanitario a partir das 21.30 horas, na carpa do Colexio de Santa María, coas ganas de quen leva tanto tempo sen sentir a calor do público.

A seguinte actuación será o día 21 de agosto, venres, no Clavi, local ao que regresan por cuarta vez, pero desta respectando as distancias de seguridade.

Así mesmo, para os que desexen escoitar o disco completo terano dispoñible nas plataformas dixitais Spotify, Youtube ou Itunes, e en formato físico, que poden conseguir contactando con Voladura a través das redes sociais Facebook e Instagram. Para ir abrindo boca, dende o pasado venres está en aberto un adianto, Chegando o verán, que compuxeron con Alejandro Camiño.

Deste tema "só nos chegaron comentarios positivos", afirma Suso sobre unha canción xa coñecida para algúns e un descubrimento para outros, que fai de anzol para cinco pezas máis.

Comentarios