Un grupo lucense deseña un sistema para mellorar a trazabilidade dos tenreiros

Unhas 30 granxas xa proban a ferramenta informática de certificación de calidade Éliter
Elio López, con un crotal. EP
photo_camera Elio López, cun crotal. EP

Un grupo de cinco persoas, integrado por veterinarios e informáticos, acaba de lanzar unha nova ferramenta informática que busca mellorar a trazabilidade das crías de vacún, de maneira que os animais contan cunha certificación de calidade ao poder comprobar con facilidade que estes cumpren unha serie de parámetros de saúde e coidados.

Bautizada como Éliter (Tenreiros de Élite), a nova aplicación desenvolveuse durante o confinamento e, ao retomarse a actividade, os seus promotores empezaron a dar a coñecer a súa existencia entre distintas granxas e cooperativas, para probar a súa viabilidade e funcionamento. "Hai xa 30 ganderías que a están usando", explica Elio López, da compañía Innogando, con sede en O Arneiro (Cospeito), e responsable deste novo proxecto.

López recorda que unha das consecuencias da crise sanitaria no sector gandeiro foi acrecentar a depreciación dos tenreiros lactantes, cunha baixada de prezos de ata o 80%, polo que confía en que este método "pioneiro" contribúa a revalorizar estes animais, ao certificar que cumpren cunha "serie de parámetros de saúde e coidados que fan que sexan mellores e máis resistentes á hora de realizar o proceso de recría".

"Trátase de diferenciar a aqueles tenreiros de maior calidade para abrirlles un oco no mercado e que poidan volver ser unha fonte de ingresos para as ganderías", precisa o responsable do proxecto, que puntualiza que aínda que o custo desta ferramenta sería de 3,5 euros por animal, agora estase distribuíndo de forma gratuíta, para que os gandeiros poidan constatar a súa utilidade.

Éliter identifica cada animal cun crotal que incorpora un código QR, que permite realizar un seguimento de cada exemplar para así comprobar nunha sinxela consulta que está san e procede dunha granxa libre de IBR e BVD ou que superou os primeiros 14 días de vida na súa explotación de orixe cos coidados adecuados, como tomas de leite materno e encamado apropiado.

Comentarios