O grupo de crise pontés pide fondos á Xunta para crear chan industrial

O conselleiro de Economía comprometeuse a celebrar unha nova reunión despois do 10-N
photo_camera Conde, co comité de crise das Pontes. C. ARIAS

O grupo de crise creado nas Pontes tras o anuncio de Endesa de cesar a actividade na térmica solicitou este martes nunha reunión ao conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que a Xunta apoie economicamente o desenvolvemento de chan industrial no polígono de Penapurreira.

Os membros do grupo de traballo, no que está representado o Concello das Pontes, o comité de empresa de Endesa, os empresarios ou os transportistas do carbón, aproveitaron para pedir ao conselleiro que o Goberno galego promova con axilidade as accións necesarias para as autorizacións e os trámites que haxa que levar a cabo para que a central poida operar con combustibles alternativos, se as probas finalmente abren esa posibilidade, e solicitáronlle á Xunta que se involucre na mesa de transición xusta que convocará o ministerio.

"A necesidade de chan industrial en Penapurreira non vén provocada polo posible peche da central, xa existía de antes e agora é aínda máis urxente", destacou a edil de industria das Pontes, Ana Pena, que indicou que un dos acordos alcanzados na reunión deste martes foi o compromiso de convocar outra reunión logo das eleccións para falar de todas estas posibilidades con máis profundidade.

O conselleiro, tras case hora e media de reunión, incidiu na necesidade de que se reactive a central para poder iniciar unha transición enerxética xusta e lanzou as responsabilidades cara ao Goberno estatal e a propia Endesa. "Hai unha corresponsabilidade por parte de Endesa e do Goberno, que pode garantir a continuidade da planta", expresou Conde.

Os transportistas están a piques de cumprir dous meses de peche e desde o grupo de traballo continúan solicitando a Endesa unha reunión

"Imos traballar conxuntamente sobre dúas premisas, solicitar a reactivación da planta e que Galicia estea preparada para participar nos convenios de transición xusta. Teñen que ser complementarios e traballar ao mesmo tempo", dixo.

"O grupo está preocupado pola situación a curto prazo e a medio e longo prazo, quedamos en manter unha nova reunión para avaliar que tipo de medidas pódense impulsar de face ao futuro, sobre todo medidas que nos poden permitir participar nos convenios de transición que vai establecer o Goberno a partir do ano que vén e a Comisión Europea a partir de 2021", engadiu o conselleiro.

Varios membros do comité de crise, que se reuniron pola tarde con Conde, participaron pola mañá nunha xornada no IES Moncho Valcarce para falar cos estudantes sobre a situación que atravesa a central, nunha iniciativa que busca xerar debate e achegar aos máis novos á situación actual.

Os transportistas están a piques de cumprir dous meses de peche e desde o grupo de traballo continúan solicitando a Endesa unha reunión para escoitar a súa postura e non coñecela "a través dos medios de comunicación". Na xornada deste mércores os traballadores das auxiliares promoven unha concentración. Será na rotonda da Vilavella ás 14.30 horas.

Comentarios