Os grelos e a xente volven a Gontán

A feira de exaltación do ouro verde chairego contou cunha ducia de produtores de Abadín, que destacaron a "boa calidade" desta tempada e as vendas, e cunha degustación popular na que se serviron unhas 350 racións de cocido
Degustación do cocido. C. PÉREZ
photo_camera Degustación do cocido. C. PÉREZ

No Expogrelo de Abadín houbo grelos, moitos e bos. Os que chegaron a última hora aínda poideron facerse cos seus, pois os manoxos, comercializados ao prezo único de 1,5 euros, non se esgotaron. Mais non importou. Os produtores marcharon do recinto feiral de Gontán contentos. Porque volveron a estar, a verse, e ademais fixérono cun produto de calidade e con moito interese por parte dos compradores, malia a ter xa superada unha época forte de consumo como é o Entroido.

"Non hai caso, outros anos vendeuse máis, pero en xeral bastante ben, e ademais, había moitas, moitas, ganas de volver, porque está un como encerrado e a ver se agora imos saíndo disto", indica Argimiro Val, de Corvite, unha cara coñecida dos asiduos a esta cita, que nesta edición xuntou a unha ducia de produtores.

No posto de Argimiro, igual que en moitos outros, podíase atopar todo o necesario para preparar un bo cocido, coma uns grelos "de boa clase, xeou moito, pero volveron en si", asegura compartindo unha idea común sobre a calidade desta tempada.

"Son grelos da Terra Chá, que son moi, moi bos, e este ano hai moi boa colleita, son moi tenros", aseguraba Olguita Gómez, da Graña. "Pos tempos en que estamos, que xa pasou o Entroido, bastante ben, non os imos vender todos, pero non nos queixamos", engadía esta produtora, para a que o importante era, ante todo, "estar aquí e poder seguir vindo", tal e como fixo sempre que houbo esta feira gastronómica.

Igual de veterana é María Paz, de Baroncelle, quen incide tanto na "boa" produción coma no desexo de estar presente: "Había ganas, ao meu fillo tamén lle gusta moito vir e ademais hai xente á que só ves aquí".

"Hai un grelo moi bo e moitas vendas, a xente estaba desexosa de vir, levamos 17 anos vindo", apunta tamén Esther Cruña, de Moncelos, que non só é unha das greleiras de sempre, senón tamén unha cara habitual na recollida dos premios que o Concello de Abadín, promotor da cita, concede á mellor decoración dos postos.

Venda de grelos. C. PÉREZ
Venda de grelos. C. PÉREZ

"Sempre levei premio, a ver este ano", dicía antes de facerse público o resultado. E mantivo a racha nese simbólico podio no que Marisol Grandío se subiu ao máis alto. Porén, ninguén marchou coas mans baldeiras, pois todos os produtores recolleron un agasallo en agradecemento á súa presenza, entregado polas autoridades presentes, entre as que se atopaban a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias; o presidente da IXP Grelos de Galicia, Andrés de la Fuente, e diversos deputados, alcaldes e representantes de distintos municipios.

Tanto eles coma o numeroso público que acudiu a esta cita pudieron non só adquirir os grelos -e outros produtos de alimentación, artesanía, roupa, etcétera, postos á venda en Gontán-, senón tamén saborealos, grazas ás ao redor de 350 racións de cocido, a base de pataca, chourizo, rabo, morro, orella, costela e por suposto grelos, que preparou o cátering Sarredo da Pontenova.

E na animada cita, que supón o inicio dunha "nova etapa despois do parón", tal e como destacaron dende o Concello, ata houbo quen se animou a botar un pé ao ritmo da música tradicional interpretada polo Quinteto 555.

Comentarios